Facebook mellora a súa aplicación para iOS facéndoa 100% nativa

xoves, 23 de agosto do 2012 Marcus Fernández

Os usuarios de iPhone recibiron esta noite unha grata sorpresa en forma de actualización da aplicación para iOS de Facebook, que é froito de meses de traballo para así conseguir unha ferramenta moito máis áxil grazas a que foi feita dende cero para ser unha aplicación totalmente nativa, o que na práctica supón dobrar a súa velocidade, o que resulta notable no momento de abrir a aplicación, de consultar o fluxo de novas e cargar as notificacións. Os desprazamentos polas publicacións tamén é máis suave, e as entradas aparecen máis rápido.
A visualización de fotografías tamén mellorou, e unha das melloras máis importantes da aplicación é que agora conta cunha banda superior (banner) na que informarase da chegada de novas historias sen que haxa que desprazarse co dedo para consultar se hai novidades.
Cómpre destacar que pese a estarmos ante unha aplicación totalmente nova, esteticamente apenas mudou, de xeito que os usuarios non terán problemas para afacerse a ela.
Curiosamente hoxe tamén se renovou a aplicación de Facebook para Android, pero neste caso os cambios son menores, e continuamos a estar ante unha aplicación moi inferior á dispoñible dende iOS e, de feito, dende Facebook van a forzar aos seus desenvolvedores a utilizar móbiles con Android para que coñezan a fondo as eivas da súa aplicación para tal plataforma e fagan un maior esforzo en mellorala.

Así é a aplicación de Facebook para iPhone e iPod Touch

PUBLICIDADE