Facebook lanzará unha plataforma de xogos para PC coa axuda de Unity Technologies

xoves, 18 de agosto do 2016 Marcus Fernández

A nova plataforma podería ser a versión final dunha beta coñecida como Facebook Games Arcade, iniciada hai uns meses

A plataforma de desenvolvemento de videoxogos 2D, 3D, de realidade virtual e de realidade aumentada, Unity, anunciou que uniu forzas con Facebook para que os desenvolvedores poidan exportar o seus xogos de Unity 5.4 ou superior a unha nova plataforma de xogos para PC na que Facebook está a traballar actualmente, e que busca aproveitar o importante volume de xogadores que xa ten en Facebook actualmente (estímase que hai uns 650 millóns de usuarios que tiran proveito dos xogos conectados con Facebook, chegando a xerar uns ingresos superiores aos 2.500 millóns de dólares só en xogos web durante 2015.
A partires de hoxe un grupo reducido de desenvolvedores contarán con acceso á versión alfa desta nova funcionalidade de Unity 5.4, e a partires do 31 de agosto abrirase a inscrición a esta nova plataforma para desenvolvedores, descoñecéndose polo momento cando estará dispoñible para o público o novo servizo de videoxogos para PC de Facebook, que tamén podería ser unha ferramenta de grande utilidade para achegar contidos de realidade virtual para Oculus Rift (lembremos que Oculus é unha compañía propiedade de Facebook) de xeito que Facebook pasaría a competir directamente co Steam de Valve.

PUBLICIDADE