Facebook intégrase na Xbox 360 e na PS3

martes, 17 de novembro do 2009 Marcus Fernández

Hoxe foi o día agardado por moitos usuarios da Xbox 360, xa que a través dunha actualización incorporouse á consola de videoxogos de Microsoft a posibilidade de acceder a un maior e de máis calidade catálogo de vídeos (Zune Video) e ás plataformas de redes sociais Twitter e Facebook, que atopan así un interesante xeito de chegar ao salón doméstico.
Con este novo dashboard é así doado interactuar con Twitter, aínda que resulta de bastante máis interese a aplicación de Facebook, que aparte de intercambiar mensaxes cos amigos tamén permite ver as súas imaxes.
De feito, o atractivo de acceder a Facebook dende a consola de videoxogos non é algo que pasase desapercibido para a competencia, e Sony xa adiantou que na versión 3.10 do firmware da PlayStation 3, que estará dispoñible esta mesma semana, tamén existirá a posibilidade de acceder a Facebook dende o menú (XMB) da consola, o que permite tanto interactuar cos amigos como publicar de xeito automatizado parte da nosa experiencia de xogos en Facebook.


Presentación do novo firmware da PS3

PUBLICIDADE