Facebook estrea unha aplicación móbil para pór en común fotografías cos amigos

luns, 15 de xuño do 2015 Marcus Fernández

Facebook hai tempo que permite crear galerías fotográficas colaborativas, o que resulta de grande utilidade para cando se quere que varias persoas contribúan á creación dun álbum, pero para facilitar o intercambio de fotografías entre un grupo de amigos, mantendo as imaxes en privado, consideraron que era atinado estrear unha nova ferramenta: Facebook Moments. Trátase dunha nova aplicación dispoñible actualmente para iOS e para Android, que facilita agrupar as fotografías tomadas por varios amigos nun mesmo evento, de xeito que así uns non perderán o rexistro dos momentos que si captaron outros, á vez que tamén facilita a organización das fotografías empregando o recoñecemento facial dos nosos amigos.
Con Facebook Moments podemos sincronizar rapidamente as fotografías que queremos compartir cun grupo de amigos específico, podendo o resto de amigos elixir se queren sincronizar tamén as súas fotografías connosco, o que permitirá agrupar todas as fotografías tomadas en conxunto.
A aplicación está xa dispoñible en Google Play a nivel mundial, mentres que a versión para iOS está a iniciar o seu espallamento dende os EE.UU.


Vídeo de presentación de Facebook Moments

PUBLICIDADE