Facebook estrea servizo de posicionamento nos EE.UU.

xoves, 19 de agosto do 2010 Marcus Fernández

Dende o pasado mes de decembro, en Facebook están a traballar para o desenvolvemento dunha solución de localización, de xeito que os seus usuarios poidan indicar onde se atopan nun momento dado, compartindo cos amigos as impresións de cada lugar coma xa permitían servizos coma Foursquare e Gowalla, que colaboraron coa plataforma social creada por Mark Zuckerberg para converter en realidade Facebook Lugares (Facebook Places en inglés), servizo que polo momento só está dispoñible dende EE.UU. a través da nova versión da aplicación de Facebook para o iPhone e da versión da páxina web de Facebook para terminais con pantalla táctil (facendo uso de HTML5 e a xeolocalización, o que permiten multitude de móbiles). Nas vindeiras semanas prevén espallar internacionalmente o servizo e levalo a máis terminais móbiles (de xeito que en breve poderiamos ver tamén actualizada a aplicación de Facebook para Android).
Facebook Lugares permite compartir cos amigos un restaurante que acabamos de descubrir ou comentar un concerto ao que asistimos, indicando con precisión a nosa posición e podendo ver se algún dos nosos amigos está preto, aínda que iso tamén supón todo un reto de cara a salvagardar a intimidade dos usuarios, polo que este tipo de publicacións limitaranse de xeito predeterminado só aos nosos amigos.
O potencial deste servizo é bastante grande, e podería ter importantes repercusións no sector publicitario, pois poderían establecerse ligazóns entre a nosa posición e páxinas de Facebook relacionadas, aínda que haberá que agardar para ver o proveito que sacan destas prestacións no futuro.

Mark Zuckerberg presentando Facebook Places

PUBLICIDADE