Facebook contratará a 3.000 traballadores para pór freo aos vídeos violentos

mércores, 3 de maio do 2017 Marcus Fernández

A retransmisión de acontecementos de extrema violencia como asasinatos está a convertese nun xigantesco problema para Facebook, plataforma que demostrou descoidar enormemente o control deste tipo de contidos (permitindo que un asasinato dunha nena de 11 meses estivese en liña durante un día enteiro acumulando centos de milleiros de reproducións) e o impacto destas situacións levou a Facebook a reaccionar finalmente, de aí que Mark Zuckerberg publicase un comunicado asegurando que para manter segura a súa comunidade en liña é preciso responder dun xeito áxil, polo que asegura que están a traballar nun sistema para facer máis doado denunciar os vídeos violentos, para axilizar o seu bloqueo (ou para atender a unha persoa en caso de emerxencia).
Dentro deste compromiso Zuckerberg asegura que van contratar a 3.000 persoas máis dende o equipo de operacións da comunidade (formado actualmente por 4.500 persoas) que se encarga de revisar os millóns de informes sobre vídeos que reciben semanalmente, o que entenden que axudará a mellorar o seu procesamento.
Os novos revisores humanos axudarán a eliminar contidos que non estar permitidos en Facebook como os discursos de odio e a explotación infantil, á vez que tamén colaborarán coas autoridades locais no caso de detectar situacións de emerxencia que deban ser atendidas (Zuckerberg asegura que a semana pasada avisaron as autoridades dunha ameaza de suicidio a través de Facebook Live e puido evitarse un desenlace desafortunado).

PUBLICIDADE