Facebook comeza a alertar das ligazóns a novas falsas

martes, 7 de marzo do 2017 Marcus Fernández

Despois da polémica xurdida durante as eleccións norteamericanas nas que resultou moi evidente o problema de Facebook coas novas falsas, a compañía de Mark Zuckerberg non sabía moi ben como actuar, e finalmente parece que adoptaron unha pequena medida para loitar contra dos dixomedíxomes: permitir que certas novas poidan pórse en dúbida, de xeito que figuren marcadas para que a xente entenda que non son de fiar (aínda que sen dicir directamente que son falsidades).
Esta nova funcionalidade está visible para algúns usuarios nos EE.UU., de xeito que poden ver cando certas organizacións como Snopes e Politifact desmenten unha información política baseándose no código de principios de verificación de feitos da IFCN, e polo momento parecen limitarse a páxinas web especializadas na publicación de novas falsas (que teñen moita facilidade para facerse virais e así captar visitas que poidan aproveitarse a través da comercialización de publicidade).
Polo momento non se espera que o etiquetado de novas falsas vaia resultar moi efectivo, xa que o proceso para a súa identificación para por un control humano que dificilmente poderá ser tan rápido como a velocidade de distribución das canfurnadas, pero si axudará a facer que certas fontes de información poidan ir perdendo peso á hora de captar tráfico, polo que a longo prazo é posible que teña certo impacto no negocio das novas falsas.

PUBLICIDADE