Facebook busca a integración coa televisión

luns, 9 de setembro do 2013 Marcus Fernández

Dende Facebook levan meses virando a súa estratexia para poder ocupar o lugar que ten Twitter á hora de conducir a conversa pública ao redor dos contidos televisivos en directo, e para animar a tal fin presumen de que o comezo da tempada da NFL xerou máis de 20 millóns de Gústame, comentarios e compartidos por parte de máis de 8 millóns de usuarios de Facebook, detallando un conxunto de grandes éxitos de interacción na súa plataforma coincidindo con emisións televisivas, que esperan que grazas ás novas funcionalidades incorporadas (hashtags, trending topics e publicacións incrustadas) poidan mellorar aínda máis, animando á participación, polo que dende hoxe animan ás empresas informativas a integrar as conversas de Facebook nas súas emisións.
Dende Facebook buscan así que, por exemplo, algún espazo da CNN integre comentarios públicos que fai a xente en Facebook sobre algún tema de máxima actualidade, para o que están a preparar unhas ferramentas que faciliten esta función, e que ofrecerán inicialmente a un grupo de partners (como Buzzfeed, CNN, o Today Show da NBC, Sky TV e Slate) e que espallarase logo a outros medios para axudar a unha mellor experiencia para lectores e espectadores.
Hoxe comezan a funcionar un par de ferramentas, a Keyword Insights API (que agrega o número total de publicacións que mencionan un termo específico nun rango de tempo determinado) e a Public Feed API (que amosa anotacións públicas sobre un tema específico).

Algunhas das marcas rexistradas por Facebook durante importantes retransmisións televisivas

PUBLICIDADE