Facebook achegaralles publicidade de balde ás empresas europeas

venres, 27 de xaneiro do 2012 Fernando Sarasketa

Facebook semella querer converterse, de palabra e de obra, na salvagarda do medre económico e produtivo europeo. Se o outro día falabamos nesta web do seu informe sobre achegas xeradas ao PIB dos países membros da UE e ao seu mercado laboral, agora é a quenda de falar do que está por vir. E o que está por vir, segundo indican fontes da rede social e se reflicte xa na Rede, é un apoio firme ás empresas da Unión. Máis polo miúdo, a firma de Mark Zuckerberg anunciou os días pasados que lles botará unha man a unhas 50.000 empresas agasallándolles 130 dólares en publicidade a cada unha. Esta medida, que virá seguida de outras semellantes, insírese no programa Ad Boost da rede social.
A publicidade de Facebook está valorada en arredor de 6,5 millóns de dólares.
A maiores, a rede social está a desenvolver un programa de xuntanzas e presentacións por todo o territorio europeo para amosarlles ás PEME como pór en marcha a súa web e atopar clientes a través desta e doutras ferramentas. Entre as súas previsións tamén se inclúe a posta en marcha de recursos tecnolóxicos para empresas xa afianzadas e novas iniciativas de mercado, ao abeiro da súa colaboración con Enterprise Nation.
Polo que respecta a España, Facebook xa está a colaborar coa Confederación Española da Pequena e Mediana Empresa, CEPEME, para axudar ás súas integrantes tirándolle o máximo partido aos seus respectivos espazos na rede social, con vistas a incrementar o crecemento e as posibilidades de negocio.

PUBLICIDADE