Facebook Messenger xa permite facer chamadas de balde nos EE.UU.

xoves, 17 de xaneiro do 2013 Marcus Fernández

A aplicación permite chamar de balde aos nosos amigos

Durante a xornada de onte a aplicación de Facebook Messenger para iPhone actualizouse, cambio que aproveitaron para ampliar os servizos de voz iniciados a primeiros de mes, de xeito que agora facilita a posibilidade de realizar chamadas de voz a través de Wi-Fi ou banda larga móbil dende EE.UU. (ata o momento o servizo estaba en probas en Canadá) o que supón unha importante ampliación desta funcionalidade de VoIP que nas vindeiras semanas poderá converterse en global.
Para poder facer uso de chamadas de balde a través de Facebook Messenger é preciso ter aberta unha conversa coa persoa coa que queremos falar, premer o botón cun i que aparece na parte superior dereita da pantalla e consultar así a ficha do noso interlocutor, aparecendo baixo o seu nome un botón para establecer unha chamada VoIP de balde.
Deste xeito Facebook Messenger entra a competir con máis forza con solucións como Viber, LINE e Skype, resultando de grande utilidade tanto para quen desexa aforrar minutos de chamadas dende o móbil como para quen non goza de boa cobertura no fogar ou no lugar de traballo (pois aproveitando unha conexión Wi-Fi pode facer chamadas cunha calidade aceptable).

PUBLICIDADE