Facebook Home decepciona aos usuarios de Android

luns, 15 de abril do 2013 Marcus Fernández

O HTC First é o primeiro móbil en incluír de serie Facebook Home

As intencións de Mark Zuckerberg de colocar Facebook no corazón dos móbiles con Android a través da interface de usuario Facebook Home, dispoñible dende o pasado venres a través de Google Play, non parece estar a resultar tan ben recibidas como desexarían dende a plataforma social de maior uso na actualidade, por non considerar que a solución adoptada é o suficientemente boa nin crer que existe unha necesidade de ter un móbil que empregue Facebook en todo momento, segundo despréndese dos comentarios dos usuarios en Google Play, onde a aplicación é valorada coa mínima puntuación posible pola metade dos usuarios, o que reduce a súa nota media a 2,3 estrelas (que sería o equivalente a levar un 3,25 sobre 10).
Resulta especialmente lamentable esta situación se temos en conta que o número de usuarios que poden instalar oficialmente a aplicación é moi reducido (inicialmente só funciona no HTC One X+, no Samsung GALAXY S III, no GALAXY Note II e no novo HTC First, aínda que xa xurdiron trucos para poder instalar Facebook Home en numerosos dispositivos).
É posible que boa parte das críticas non proveñan realmente da mala calidade de Facebook Home, senón da oposición dos usuarios a que Facebook teña unha importancia desproporcionada no seu móbil, e non facilite a personalización do terminal á que os usuarios de Android están afeitos, ou sexa, que Facebook Home sería unha solución dirixida para uns usuarios moi concretos (que teñen en Facebook a súa principal canle de interacción con outras persoas), de aí que non poidamos esperar que vai converterse nunha plataforma adoptada masivamente.
Tamén cómpre lembrar que Zuckerberg comprometeuse a que Facebook Home actualizarase mensualmente, incorporando novas prestacións, de xeito que poderá evolucionar nunha ferramenta de máis utilidade, o que pode mudar a súa percepción por parte do público de atoparlle un uso práctico ou destacar por algunha vantaxe sobre outras solucións de comunicación para móbiles.

As valoracións de Facebook Home en Google Play por parte dos usuarios son moi negativas

PUBLICIDADE