Facebook Gaming estrea aplicación móbil

luns, 20 de abril do 2020 Marcus Fernández

Hai un par de anos Facebook deu un importante pulo á súa plataforma de vídeos de videoxogos para competir con Twitch, YouTube e Mixer, e aínda que neste tempo Facebook Gaming non conseguiu a relevancia que pretendía, tiña previsto dar un paso adiante o vindeiro mes de xuño a través dunha nova aplicación móbil que finalmente lanzaron antes de tempo por mor do confinamento que está a vivirse globalmente, e que fai máis propicio este lanzamento.
A nova aplicación, que xa podemos descargar para Android (e que en poucas horas chegará á App Store de iOS), pretende potenciar a posición de Facebook no mundo dos videoxogos e, moi especialmente, nas retransmisións de partidas en directo mediante streaming.
Dende Facebook consideran prioritario investir no sector dos videoxogos, xa que actualmente é unha forma de lecer que está a conectar ás persoas, á vez que é un xeito de lecer que non supón un consumo pasivo, polo que casa coa estratexia xeral da compañía de Mark Zuckerberg.
A aplicación móbil de Facebook Gaming leva ano e medio en probas en países asiáticos e de América Latina, e por fin ábrese globalmente, buscando así incrementar o consumo de contidos de videoxogos, para recuperar así posicións nun sector no que hai bastantes anos xogaba un rol moi importante (lembremos os tempos de FarmVille e outros xogos que tiñan a millóns de xogadores enganchados). Coa nova aplicación non só poderemos ver retransmisións de vídeoxogos en directo e comentalas, senón que tamén podemos acceder a xogos de Facebook e a outros contidos desta temática publicados na plataforma social, contando tamén coas ferramentas para poder retransmitir partidas de xogos móbiles. Conseguirá Facebook aproveitar o feito de que o éxito de Twitch estea moi ligado ao PC, e así gañar posicións no móbil?

PUBLICIDADE