Fabricantes, profesionais e distribuidores TIC compartiron ideas da man de Telenets

venres, 14 de setembro do 2018 Fernando Sarasketa

Esta semana, dende o mércores até hoxe, celebrouse en Vigo e Nigrán un importante acontecemento colectivo sobre novidades e tendencias do sector das novas tecnoloxías e a electrónica de consumo. A primeira edición do Congreso de Telenets, organizada polo almacenista galego con sede en Mos (Pontevedra), xuntou ducias de fabricantes, cadeas e profesionais do devandito sector. No transcurso das tres xornadas de actividades, presentáronse datos relevantes sobre o estado de saúde presente e futuro das TIC e da electrónica. Por exemplo, fíxose saber que en contra do que pensabamos, en 2018 detectouse unha tendencia á baixa na venda de smartphones e terminais. Iso si, os que se venderon foron de maior prezo.
O programa de actividades incluíu sesións de networking e xuntanzas profesionais onde os asistentes puideron compartir e avaliar as novidades previstas para os vindeiros meses (así como as tendencias do sector), amais de sentar os alicerces para futuras colaboracións empresariais.
Durante o evento, presentouse un estudo sobre tendencias de consumo en tecnoloxía, relativo ao eido estatal e ao primeiro semestre de 2018. Segundo os datos deste informe, realizado pola empresa Ideas Originales de Investigación, os españois mercaron menos smartphones e terminais, pero de maior prezo no seis primeiros meses do ano. De feito, a investigación sinala que gastáronse (de media en cada terminal) 341 euros, fronte aos 289 euros de 2017. O informe conclúe que se venderon un 9,2 por cento menos de smartphones e terminais na primeira metade de 2018 pero o valor das vendas medrou en 7,7 puntos, debido ao aumento de prezo por cada terminal adquirido. Este comportamento repítese nas principais canles de venda.
Ademais de analizar o estado actual do consumo en España e as súas tendencias, o congreso deu a oportunidade a fabricantes e profesionais do sector de pór en común os seus produtos e novidades coa instalación de casetas e reunións comerciais. Así, participaron no encontro fabricantes como Alcatel, Hisense, TP-Link, Panasonic, Wiko, Schneider, Facitel, Ulefone, Chuwi, BlackView ou Energy Sistem e grandes actores e cadeas do sector como AliExpress, PhoneHouse Portugal, Bymovil, Leclerc, entre outros.
En palabras de Álex Cabo, director de Operacións de Telenets: “Este evento foi unha oportunidade inmellorábel para crear sinerxías entre clientes e fabricantes, coñecendo de primeira man as tendencias de consumo e novidades da canle para o último trimestre do ano, e pechar acordos estratéxicos para as campañas de Black Friday e Nadal”. O director da compañía afirma tamén que “o balance foi moi positivo” e que esperan poder repetilo o ano que vén.

PUBLICIDADE