FUNDAMAR envorcará na Rede o patrimonio cultural da nosa pesca de altura

venres, 20 de novembro do 2020 S. P.

A Asociación Nacional de Armadores de Buques Conxeladores de Pesca de Pescada (ANAMER), puxo en marcha en 2019, co apoio da Xunta e o Fondo Europeo Marítimo Pesqueiro (e a través dos grupos de acción local no sector pesqueiro, GALP), o proxecto Mares de altura e grande altura: un centro de referencia á historia da nosa xente e da nosa industria. O obxectivo xeral do proxecto é a creación dun arquivo e portal para a difusión e consulta libre de fontes documentais, audiovisuais e orais do patrimonio cultural material e inmaterial relacionado coa pesca de altura e gran altura.
A creación do acubillo documental está a ser realizado en parte por FUNDAMAR, que explican que este ano 2020 serán dixitalizados os documentos do arquivo de ANAMER, incluíndo a recompilación de 432 documentos achegados polas empresas asociadas e a realización de xuntanzas do grupo de expertos de xeito individualizado baixo as máis estritas medidas de seguridade anti-COVID.
Nas tarefas que lle competen, a fundación FUNDAMAR atópase mergullada na realización das entrevistas que formarán parte dese primeiro arquivo testemuñal do sector, onde patróns, empresas armadoras, enxeñarías navais, tripulantes e familiares, contarán as súas experiencias “coa finalidade de recompilar e preservar o valor histórico e cultural do noso patrimonio inmaterial”, explica a entidade, engadindo que “tanto o arquivo testemuñal como o arquivo documental e fototeca, neste caso elaborado por ARVI, estará dispoñíbel no portal documental web creado no marco do proxecto”.

PUBLICIDADE