FITUR acolle a entrega de premios das mellores aplicacións turísticas do ano

xoves, 23 de xaneiro do 2014 Redacción

O salón FITUR, centrado no turismo estatal e abranguendo polo tanto unha boa ración de tecnoloxía, acolleu este xoves a entrega dos premios ás aplicacións móbiles gañadoras do concurso The AppTourism Awards 2014, que convocou SEGITTUR en colaboración coa dirección da dita feira. As ferramentas gañadoras foron Be Your Guide-Toledo, Naturapps, AsturPlaya, Eltenedor.es, To Norway e Skyscanner. Este xoves tamén se levou a cabo en FITUR a presentación da Guía de Aplicacións Turísticas 2014, elaborada tamén por SEGITTUR coa colaboración do Consello Superior de Cámaras de Comercio e Turespaña.
Os galardóns do certame foron entregados pola secretaria de Estado de Turismo, Isabel Borrego. O xurado seleccionou ás gañadoras entre as 125 aplicacións inscritas ao concurso, das que 84 corresponderon á categoría nacional -Turismo cultural (31), Sol e Praia (10), Turismo Activo (9) e Servizos Turísticos (34)-; e á categoría internacional 41 -Guía de destino (20) e Mellora da experiencia do turista na viaxe (21).
Be Your Guide-Toledo foi a gañadora na categoría nacional de Turismo Cultural por “responder ás distintas necesidades do usuario, xa que ofrece un contido de gran calidade presentado cun atractivo deseño e unha navegación doada”, fíxose saber durante a entrega de galardóns.
Naturapps, guía móbil para camiñantes, foi recoñecida como mellor aplicación turística nacional na categoría de Turismo Activo, pola “súa excelente contribución á mellora da experiencia do usuario, xa que non só ten un rico contido, senón que ademais está integrado con redes sociais e facilita a interacción”.
Na categoría de mellor app turística nacional de Sol e Praia a gañadora foi AsturPlaya pola diversidade de parámetros de filtro, a súa sinxeleza e a alta calidade do material gráfico.
Eltenedor.es obtivo o premio á mellor aplicación turística nacional de Servizos Turísticos, “por mellorar a oferta do servizo turístico de restauración ao usuario, á vez que contribúe a xerar comunidade.
O premio á mellor aplicación internacional de guía de destino foi para To Norway “por responder en tempo real ás necesidades de contido do usuario, con información actualizada, un deseño moderno, intuitivo e unha sinxela navegación, que fan única a experiencia do turista”, explicou o xurado.
O premio á mellor achega turística internacional que mellora a experiencia do turista na viaxe foi para Skyscanner, “xa que axuda ao usuario a atopar o mellor voo, dando resposta ás súas necesidades en cada intre de maneira sinxela e áxil”.

PUBLICIDADE