FIFA+ achega fútbol de balde á afección

mércores, 13 de abril do 2022 Marcus Fernández

Nun momento no que as compañías de telecomunicacións loitan polos dereitos das retransmisións deportivas sorprende ver como a FIFA decide emprender un proxecto audiovisual independente, FIFA+, plataforma que achega aos seareiros do fútbol de todo o mundo unha oferta de contidos que inclúe partidos en directo, xogos interactivos, novas, información de competicións e reportaxes.
Até o remate do ano FIFA+ pretende retransmitir o equivalente a 40.000 partidos en directo ao ano do cento de asociacións que integran o organismo a través de seis confederacións, incluíndo 11.000 partidos de fútbol feminino. Inicialmente o servizo ofrecerá 1.400 partidos en directo ao mes.
Pero a plataforma non só incluirá directos, senón que tamén conta cun grande arquivo dos mundiais de fútbol dende os anos 50, achegando así máis de 2.000 horas de contido histórico aos que uniranse contidos creados para a plataforma en liña, os FIFA+ Originals, que incluirán documentais, docuseries, programas e curtas, localizando estes contidos a 11 idiomas. Temos así producións como o documental sobre Ronaldinho, El hombre más feliz del mundo; os documentais sobre Maradona La Mano de Dios e After Diego; o documental sobre a Copa Mundial Feminina da FIFA, Heroínas; a docuserie de 8 entregas HD Cutz sobre o barbeiro das estrelas Sheldon Edwards; a serie documental de seis entregas Dani, protagonizada por Dani Alves; e moitos outros contidos que podemos atopar en FIFA+, plataforma dispoñible en inglés, francés, alemán, portugués e español, que tamén conta con aplicación móbil para Android e para iOS.

PUBLICIDADE