FEUGA organiza un curso para formármonos no emprego das follas de cálculo

luns, 14 de setembro do 2009 Raquel Noya

Malia que a folla de cálculo é, a día de hoxe, unha das ferramentas de ofimática máis estendida e empregada polos profesionais e técnicos das empresas, o aproveitamento que se fai dela non supera, segundo afirman diversas fontes, “o 10 por cento do seu verdadeiro potencial”.
Para paliar esta falta de información e coñecemento en torno a esta ferramenta, a Fundación Empresa e Universidade (FEUGA), en colaboración coas empresas do CEDE FEUGA, veñen de anunciar a celebración dun curso de formación para o domino das follas de cálculo, a través do cal, as persoas asistentes poderán optimizar os seus recursos e mellorar a xestión empresarial das súas empresas.
Asemade, as persoas usuarias das novas tecnoloxías que asistan ao curso, aprenderán a desenvolver modelos de presupostación, cadros de mando, informes de vendas, análise de ratios, estimacións de contas de resultado, presentación de escenarios…
Tamén se formarán no deseño de solucións eficientes baseadas no uso do modelo entrada-saída de datos e afondarán no manexo das distintas funcións da ferramenta.
O curso, que ten un custe de 450 euros, terá lugar os vindeiros 29 e 30 de setembro en Santiago de Compostela, e a el poderán asistir empresarios, xerentes, directivos e mandos intermedios, persoal técnico e profesionais das áreas de mercadotecnia, comercial, finanzas, I+D+i e recursos humanos de calquera empresa do noso país que precise formarse nesta ferramenta para sacarlle proveito ás aplicacións informáticas dispoñibles nas súas entidades.
Esta formación, que incllúe no prezo a documentación, os cafés e un certificado de asistencia, tamén pode resultar de interese para persoal docente e investigador, profesionais da Administración Pública e consultores.
Os socios de FEUGA e as empresas do CEDE FEUGA disfrutarán dun 10 por cento de desconto.

PUBLICIDADE