FEUGA móstranos nun curso como liderar procesos de transformación empresarial

mércores, 27 de abril do 2022 S. P.

FEUGA vai ofrecer esta primavera un curso webinario moi indicado para facer voar a nosa empresa no camiño da excelencia, a transformación e a competitividade: un curso que pon o foco en como sacar o mellor do noso equipo profesional á hora de afrontar calquera tipo de proxecto. O curso Liderado para o crecemento e xestión do cambio desenvolverase os días 25, 30 e 31 de maio, e máis o 1 de xuño. Serán 12 horas de contidos, a desenvolver en horario de 9.30 a 12.30 horas.
Segundo informa a fundación a respecto dos porqués desta proposta formativa, a xestión do cambio é unha tarefa primordial de toda persoa directiva e líder empresarial, para quen resulta xa imprescindíbel, e máis nestes tempos de profundos cambios, como levar a cabo unha transformación empresarial de éxito.
Na actividade mostrarásenos como superar os principais atrancos que se opoñen ao espírito transformador: barreiras externas (que se refiren ao contexto da empresa) e barreiras internas (que engloban as políticas, procedementos, a cultura da empresa ou as propias persoas que poden ter temor ou resistencia ao cambio).
“Con este curso”, explican dende FEUGA, “conseguiremos identificar que técnicas e ferramentas son clave para executar con eficacia os proxectos nos que estamos mergullados e cales son os aceleradores do cambio que debemos implementar e como facelo”.
A actividade formativa está dirixida a persoas directivas; responsábeis de proxectos, áreas ou departamentos; mandos intermedios; responsábeis de negocio; profesionais interesados en mellorar a súa produtividade, xestionar o cambio e o seu crecemento persoal; e profesionais cuxo cometido sexa xestionar o talento e potencial dos seus equipos.
A persoa encargada de impartir os contidos será Conxi Pérez Andreu, experta en transformación na organización: combina a medición e xestión do cambio coa aplicación de metodoloxías de transformación rápida. Co-fundadora de RollDBox Games, e de In Movement. Ten unha dilatada experiencia en posicións de dirección de Tecnoloxías da Información (TI), impulsou e implantou iniciativas tanto no ámbito xestión, como de produción, R&D, vendas ou mercadotecnia en empresas do sector farmacéutico, enerxías renovábeis, industria-metal ou educación.

PUBLICIDADE