FEUGA mergúllanos en abril nas vantaxes da metodoloxía de xestión de resultados que usa Google

venres, 11 de marzo do 2022 S. P.

Este mes de abril, os días 4, 5 e 6, FEUGA vai organizar unha xornada destinada a achandar o terreo das empresas e profesionais de cara a conseguir o meirande impacto posíbel cos seus proxectos tecnolóxicos. Trátase do webinar OKRs: descubre a metodoloxía de xestión de resultados que usa Google (PDF). Serán nove horas de formación a impartir en horario de mañá, de 9.30 a 12.30 horas. Nesta actividade formativa axudarase ás organizacións a tirar proveito da metodoloxía OKR (Objective and Key Results) que traduzan a súa visión e estratexia nun conxunto de obxectivos e establezan un proceso propio para revisalos e medir logros.
Segundo informa FEUGA, a metodoloxía OKR permite sincronizar os obxectivos e resultados da empresa: “O uso de OKR facilita o establecemento dunhas pautas claras para definir os obxectivos a alcanzar dunha forma sinxela e colaborativa, desde todas as perspectivas e incluíndo a todos os membros da organización. Tamén posibilita que se identifiquen os resultados clave, é dicir, que é aquilo que hai que medir e lograr para alcanzar o obxectivo”. FEUGA tamén explica que os procedementos OKR popularizáronse grazas a que grandes empresas os aplicaron, como é o caso de Google.
O seminario será impartido por Ángel Águeda Barrero, que conta con máis de 30 anos de experiencia en desenvolvemento de software e implementación de solucións de negocio. Traballou para Microsoft, ING, Siebel e Informática El Corte Inglés, entre outras empresas, en Arxentina, España, Francia, Italia e Suíza. Actualmente é formador e consultor independente en xestión de proxectos e director executivo (CEO) de EvergreenPM.com. Amais, é enxeñeiro técnico en Sistemas de Información Empresarial pola Universidade Pontificia de Comillsa (ICAI) e conta cun MBA especializado en Información e Comunicacións pola Universidade Politécnica de Madrid (UPM).

PUBLICIDADE