FEUGA lanza o primeiro portal galego en liña especializado en xestión ambiental

luns, 4 de outubro do 2010 Raquel Noya

A Fundación Empresa-Universidad Gallega (FEUGA), na súa teima por incrementar a prestación de servizos e a atención ás necesidades das empresas e as universidades galegas, vén de afianzar a súa presenza na Rede, coa posta en marcha do primeiro portal da nosa Comunidade especializado en xestión medioambiental baseado en e-learning.
Esta ferramenta, creada en colaboración co Centro de Enxeñaría e Innovación para o Desenvolvemento Medioambiental GEODEM de Vigo, emprega a fórmula de educación a distancia xurdida co desenvolvemento das novas tecnoloxías da información e Internet, e con ela, FEUGA pretende reforzar e mellorar a formación dos profesionais do medio ambiente e do medio natural que chamen á súa porta.
A oferta formativa deste novo portal organízase en torno a cinco módulos temáticos e independentes entre sí que van dende a Responsabilidade Social Corporativa, ata a Xestión Forestal e Ambiental, pasando pola Integración Ambiental Sectorial, entre outros.
Trátase dunha proposta docente pioneira que se presenta como “a mellor alternativa para aumentar as competencias profesionais de maneira flexible nun mercado laboral que demanda cada vez máis traballadores moi cualificados”.
A través deste portal, a comunidade internauta pode acceder a unha completa listaxe de 32 cursos, cunha duración media de 30 horas e a un prezo que oscila entre os 60 e os 100 euros.
Ademais de contar cun deseño máis funcional e intuitivo, a nova web de FEUGA conta cunha liña máis directa de comunicación cos seus usuarios (investigadores e empresas) e socios; e asemade, ofrécelle a empresas e institucións significativas melloras para o acceso á información e un contacto personalizado.
En resumidas contas, grazas a esta renovación da web, a comunidade internauta que acceda á mesma poderá, entre outras cousas, solicitar para a súa empresa a elaboración dun catálogo de oferta tecnolóxica adaptada ás súas necesidades competitivas, coñecer qué proxectos se están a “incubar” no Centro de Experiementación e Desenvolvemento Empresarial (CEDE), acceder ao catálogo de cursos presenciais e en liña ofrecidos pola Fundación e reservar ao instante a inscrición nos mesmos.
Nunha segunda fase, que está en proceso de contrucción, FEUGA, segundo vén de anunciar, abrirá o paso na web á “riqueza das redes sociais” (Twitter, Facebook, Linkedin, blogs…) e “incrementará a súa vinculación cos mozos e mozas universitarios a través da súa oferta de becas de formación e de asesoramento integral”.

PUBLICIDADE