FEUGA introdúcenos na intelixencia empresarial máis avanzada cun webinario sobre Power BI

mércores, 8 de setembro do 2021 S. P.

FEUGA volve á plena actividade e faino cunha serie de webinarios para permitir aos nosos profesionais das novas tecnoloxías ser aínda mellores e máis preparados profesionais. Dentro da axenda programada de cursos o primeiro en inaugurarse é o Webinario Business Analytics con Power BI. Mostraranos como aprender como ler e transformar datos, desenvolver cálculos avanzados, detectar tendencias nos datos e máis a crear paneis, informes e cadros de mando visuais e dinámicos.
“Nun mundo cada vez máis sofisticado e competitivo”, informa FEUGA acerca das motivacións do curso, “a empresa necesita coñecer a contorna no que opera, non só aos seus clientes e as súas necesidades senón tamén a competencia e a evolución do mercado, e para conseguilo é urxente que os profesionais sexan quen de extraer a información adecuada tanto dos datos que internamente xera a empresa como dos que se xeran en Internet”. Esta información, explica FEUGA, será a que permita aos responsábeis da empresa levar a cabo unha correcta toma de decisións.
A entidade docente-empresarial lembra que Power BI (ferramenta de análise de Microsoft que permite aos usuarios de negocio visualizar os seus datos e compartir ideas coa súa organización) situouse en poucos anos como líder do mercado de recursos de Business Intelligence de autoservizo, polo que o webinario centrarase en revisar de maneira práctica os conceptos involucrados no uso desta ferramenta: a carga e transformación dos datos (os chamados procesos ETL), a creación de visualizacións e informes, e a súa publicación e intercambio con terceiros. Así mesmo, realizarase unha introdución ao uso da linguaxe modelada de datos DAX para a creación de campos e métricas personalizadas.
O curso durará 12 horas e desenvolverase a partir do 6 de outubro. A data límite de inscrición é este 29 de setembro. O horario será 16:00 a 19:00 horas. Haberá descontos para socios e CEDE de FEUGA.

PUBLICIDADE