Extraviados no Reino Unido datos dixitais de prisioneiros ingleses e galeses

venres, 22 de agosto do 2008 Fernando Sarasketa

O Reino Unido segue a ser unha fonte de novas sobre tecnoloxías de primeira orde. Se estes días falamos de unhas e outras accións que se están a levar a cabo no país para poñer na picota ás redes P2P e (tamén) aos seus propios usuarios, agora toca falar doutro tema, tamén vinculado á Rede, pero diametralmente oposto. Ou sexa: do que se trata aquí non é criminalizar a xente que nunca antes estivo perante a xustiza, senón de descriminalizar. Máis polo miúdo e segundo informa Reuters, o Reino Unido vén de ser obxecto dunha sustracción de información que, en certa medida, ben podería beneficiar aos residentes dos seus cárceres, deixándoos no anonimato.
Ao parecer, a raíz do problema está nun ataque á seguridade dunha empresa de subcontrata do Goberno que, entre outras cousas, se dedicaba a xestionar a información segreda dos prisioneiros ingleses e galeses.
A policía, engade Reuters, foi advertida destes feitos despois de que a dita empresa perdera os sistemas de memoria que albergaban a información referente aos nomes e as datas de nacemento de máis de 30.000 cidadáns con seis ou máis anos de reclusión ou participando en programas de reinserción para drogadictos. O suceso, que hai que engadir a outro caso de perda de información semellante no que se extraviaron documentos segredos de intelixencia (entre outros), vén de desencadear unha investigación inmediata por parte do Goberno, que xa cualificou o incidente como “unha gran falta ao deber”.

PUBLICIDADE