Expertos en innovación avogan en Santiago por colaborar máis arredor das TIC

xoves, 22 de maio do 2008 Fernando Sarasketa

Hai conceptos que levan xa latentes a concorrencia de colectividades, e a Rede constitúe en certa maneira un novo capítulo da acción en mancomún. Ou sexa, de algo que ben puído comezar cun pacto ou cun intercambio de coñecemento arredor do lume. Isto que é aplicable ás posibilidades de supervivencia dun pobo, tamén se pode levar ás opcións de competitividade das empresas dun país no mercado mundial. Así de sinxelo, sobre todo se temos en conta que ese mercado é cada vez máis competitivo.
De tirar proveito das vantaxes que achega a Internet para facer fronte común é do que tratou –precisamente- a xornada organizada este mércores 21 en Santiago por Ineo e que serviu, entre outras cousas, para amosar as estratexias que hoxe están a desenvolver con éxito certas empresas TIC no eido de apertura a novos mercados. Estratexias que, a fin de contas, pasan en boa medida pola cooperación.
De feito, foi a necesidade de salientar o traballo conxunto como clave para o desenvolvemento das empresas galegas unha das grandes conclusións ás que se chegou no encontro, celebrado na sede da Confederación de Empresarios de Galicia de Santiago. Neste punto concreto coincidiu unha boa parte dos participantes, como por exemplo Carlos Marquerie Tamayo, director de Innovación de Capgemini Consulting, ó que se sumaron José Manuel Rey González, socio director de Alter Itinere, ou Joaquín Membrado, director xeral do Grupo Estratexia e Dirección.
Todos eles fixeron fincapé na importancia das novas tecnoloxías do coñecemento como “factor crucial” para a redución de custos, “non só nas firmas galegas senón en todas as industrias dos países avanzados”. Asemade, valoraron moi positivamente o emprego de coñecemento para xerar contidos e para innovar en produtos e servizos, sendo esta fase primeira do afianzamento dunha empresa “un factor imprescindible para a mellora dos procesos produtivos”.

PUBLICIDADE