Éxito do boicot aos medios de AEDE por parte dos usuarios de Menéame

xoves, 27 de febreiro do 2014 Marcus Fernández

O boicot afectou de xeito importante ao tráfico que Menéma remite aos medios de AEDE

En rexeitamento ao anteproxecto de Lei de modificación do Texto Refundido da Lei de Propiedade Intelectual e de Axuizamento Civil remitido ás Cortes os usuarios do agregador de novas Menéame decidiron emprender un boicot contra os medios adheridos a AEDE, unha das entidades que instou ao Goberno a este tipo de medidas e, concretamente, á designada por eles como taxa Google, que entre os internautas coñécese como canon de AEDE, e que poría en perigo o futuro de plataformas como Menéame ou Chuza por forzalas a pagar unha compensación á prensa por enlazala na web. Por iso, os usuarios máis activos de Menéame quixeron deixar claro que tal medida sería prexudicial para os propios medios, pois pasarían a ser vetados polos agregadores para evitar o pagamento de compensacións económicas, e para simular tal efecto comezaron a botar negativamente a todas as novas de medios de AEDE.
Esta iniciativa popular era totalmente allea á dirección de Menéame, pero os responsables desta plataforma quixeron facer un balance do acontecido, polo que tomaron os datos do seu sistema entre os días 8 e 16 de febreiro (antes do boicot) e entre o 18 e o 26 de febreiro (despois do boicot) concluíndo que as novas en portada correspondentes a medios de AEDE pasaron de 77 (o 22,06% do total) a 0, o que afectou seriamente ao volume de visitas que recibiron estes medios a través de Menéame, pasando de 499.527 a 7.297. Un bo exemplo de que pór atrancos á difusión da información a través da Internet é un mal negocio para os medios de comunicación.

PUBLICIDADE