Éxito da xuntanza entre representantes da industria cultural e un grupo de internautas

xoves, 30 de decembro do 2010 Marcus Fernández

Imaxe da xuntanza publicada por El Cosmonauta

Esta mañá celebrouse unha interesante xuntanza organizada polo director da Academia de Cine, Álex de la Iglesia, con distintas persoas que realizaron declaracións nos últimos días sobre a polémica Lei Sinde, coma o avogado David Bravo e o empresario Julio Alonso, xunto con representantes da industria cultural, para intenta achegar posicións sobre o asunto. As conclusións foron de éxito do encontro, aínda que estaba claro que os internautas non representaban a ninguén e o que alí se falou non era unha negociación nin terán ningunha repercusión directa, xa que a Lei de Economía Sustentable e o seu articulado non están baixo o control de ningún dos alí presentes, senón das forzas políticas que discuten o seu articulado nos últimos días para a súa aprobación no mes de xaneiro.
De la Iglesia asegurou que durante a xuntanza xurdiron «puntos en común e obxectivos en común» entre as distintas partes, que tamén «recoñeceron erros e achegaron ideas». O director da Academia chegou a comentar que para afondar no tema organizarán unhas xornadas.
Dende a Asociación de Internautas, Víctor Domingo asegurou que «a Lei Sinde está morta e non debe resucitar» engadindo que entre os presentes había consenso en que era preciso «adaptar os dereitos de autor ao mundo dixital».
David Bravo declarou á saída do encontro que «o verdadeiro problema non son as descargas senón como se remunera ao autor», mentres que Julio Alonso incidiu en que «si se pode competir co gratuíto, ninguén dixo que fose doado», deixando claro que a postura internauta está do lado da creación de ofertas culturais legais en vez de acudir á vía lexislativa.

PUBLICIDADE