Everis inaugura sede na Coruña e anuncia 30 novas contratacións

martes, 12 de abril do 2016 Redacción

Este luns a compañía de novas tecnoloxías Everis inaugurou a súa nova sede na Coruña, na Torre de Cristal, unhas instalacións que representan a aposta da multinacional española por innovar en Galicia e “impulsar o talento dos traballadores da nosa terra”. Así o manifestou o conselleiro de Economía, Francisco Conde, quen participou no acto xunto co conselleiro delegado de Everis, Benito Vázquez, e o director de Everis en Galicia, Jesús Lage.
Entre outras cousas, salientaron que a consultora tecnolóxica atesoura máis dunha década de traballo en Galicia, onde emprega máis de 200 profesionais e onde todo apunta a que -grazas ás novas instalacións, que duplican espazo- incrementará cifras de actividade, proxectos e traballadores. De feito Everis anunciou na inauguración que prevé incorporar en 2016 trinta persoas máis.
O conselleiro de Economía destacou algúns dos fitos importantes de Everis na nosa terra, por exemplo a unidade mixta de investigación (proxecto eHealth) na que Everis e o Centro Tecnolóxico Gradiant, coa colaboración da Fundación Ramón Domínguez, desenvolven “tecnoloxías punteiras para axudar os oncólogos a escoller os mellores tratamentos, rebaixar os tempos de espera en urxencias, ou mellorar a autonomía das persoas maiores”.
Conde tamén salientou “a aposta da compañía pola compra pública innovadora”, como “forma de entender a colaboración público-privada nun modelo de innovación aberta”, e fixo fincapé “na oportunidade” que pode supoñer para Everis o proceso que se está a desenvolver neste eido en torno ao polo tecnolóxico e industrial de avións non tripulados de Rozas.

PUBLICIDADE