Euskaltel lanza unha tarifa converxente de 19,90 euros

venres, 23 de agosto do 2019 Redacción

O Grupo Euskaltel, no que está integrada a operadora galega R, vén de fortalecer a súa estratexia comercial co lanzamento do que sería, nas súas palabras, “a oferta máis completa do mercado das telecomunicacións no ámbito español”. O paquete, que responde á estratexia do grupo de brindar “o mellor do mellor pola metade da metade”, consiste en 500 Mbps, móbil ilimitado máis 20 GB, TV e teléfono fixo, por 19,90 euros.
Con esta oferta, Euskaltel quere dar un novo paso no seu “obxectivo de comercializar un produto forte, cunha oferta de valor para todos os seus clientes, mantendo ao mesmo tempo as marcas consolidadas nos seus mercados, obxectivo que constitúe un dos piares estratéxicos da nova folla de ruta do grupo”.
A nova oferta presentada onte ten unha duración de seis meses e inclúe un período de permanencia de 12 meses. Euskaltel tamén deu a coñecer que amais da devandita promoción estrela, achegarase “unha ampla variedade de opcións de contratación de servizos, en función das necesidades dos clientes, particulares, familias, estudantes, aos prezos máis competitivos do mercado”.

PUBLICIDADE