Euskaltel achegaralles aos seus clientes o novo servizo de correo de Microsoft

luns, 13 de xullo do 2009 Fernando Sarasketa

Microsoft e Euskaltel veñen de unir forzas para ampliar o abano de vantaxes (seguridade, accesibilidade á Rede 2.0) do servizo de correo electrónico que achega a operadora vasca. A idea básica do acordo é permitir que pola vía do servizo de e-mail de Euskaltel (servizo que apoiará Microsoft coa súa tecnoloxía) os inernautas teñan o máis preto posible á comunidade de usuarios de Windows Live, comunidade que non é cuantitativamente falando o que se entende por unha asociación de veciños: está integrada por máis de 500 millóns de persoas de todo o mundo.
Para a operadora éuscara, as vantaxes do acordo con Microsoft (o primeiro destas características que se leva a cabo en Europa) radican na innovación que se pon a disposición dos internautas que soliciten servizo de correo electrónico, incluídas as novas versións do produto ás que poderán ter acceso de xeito inmediato. Neste senso, Euskaltel quixo deixar claro durante a presentación da dita tecnoloxía que o paso cara a ela será do máis sinxelo e non requirirá a supresión das mensaxes e dos contactos da axenda que teña cada usuario/a.
E prosegue a compañía: “Con este acordo e con estas ferramentas situámonos co servizo de correo de meirande capacidade entre os operadores estatais”. Por certo que amais do devandito, a achega de Windows Live incluirá ferramentas como Messenger, Fotos, Blogs, SkyDrive (25 xigas de almacenamento en liña) ou o Calendario. O acordo entre ámbalas dúas partes foi dado a coñecer esta mañá nunha rolda de prensa desenvolvida en Bilbao, na que participaron directivos de Euskaltel e de Microsoft a nivel español e europeo.

PUBLICIDADE