Europe Direct A Coruña achega á mocidade unha campaña contra a desinformación

martes, 27 de xuño do 2023 S. P.

Europe Direct A Coruña iniciou unha campaña de sensibilización para a loita contra as fake news que inzan os medios dixitais e tradicionais. A iniciativa, que pon o foco nas novas xeracións, tamén busca formar á mocidade en alfabetización mediática e en recursos que lles axuden a distinguir o verdadeiro do falso na nova comunicación.
Durante dúas semanas, o centro da Deputación da Coruña difundirá a través do seu perfil de Instagram diverso material (información, ferramentas) enfocado ao devandito. Un dos grandes obxectivos é conseguir que esta formación achegue habilidades fundamentais para a participación na vida democrática e a toma de decisións informadas na era dixital.
En liña cos obxectivos da Comisión Europea, que considera esta competencia como fundamental para o futuro dixital de Europa, a campaña incidirá tamén nas habilidades para detectar a desinformación e difusión de noticias falsas a través de medios dixitais.
A través de seis publicacións, o centro trasladará a relevancia de acceder, comprender, crear e avaliar informacións de maneira crítica e dará recursos informativos e lúdicos e ferramentas da Unión Europea para a loita contra a desinformación, tanto para público xeral como para profesorado.
Europe Direct A Coruña é un centro de información oficial da Comisión Europea que pertence á Deputación da Coruña. A misión do centro, que iniciou a súa traxectoria no ano 1996, é traballar coa cidadanía, os medios de comunicación e as entidades locais cos obxectivos de implicar á poboación en temas europeos, así como proporcionar contidos sobre as políticas e as prioridades da UE. Tamén axudar á Comisión Europea a adquirir unha visión xeral das sensibilidades locais relacionadas coas súas políticas e promover a cidadanía europea activa nas escolas.
Para información complementaria, as persoas interesadas poden contactar a través do correo electrónico europedirect@dacoruna.gal, ou ben, no número de teléfono 981 080 331.

PUBLICIDADE