Europa e Corea do Sur xuntan forzas a prol do 5G

luns, 16 de xuño do 2014 Marcus Fernández

Evolución das distintas xeracións de telefonía móbil

Cando a telefonía móbil de cuarta xeración aínda está por desenvolver completamente en Europa, a Industria xa está a mirar cara ao futuro, e hoxe asinaron en Seul un acordo entre a Comisión Europea e Corea do Sur para acordar unha definición global do que serán os estándares 5G e cooperar no seu desenvolvemento. Tamén acordaron na necesidade de harmonizar o espectro de radio para asegurar a interoperatibilidade global e preparar os estándares globais para o 5G.
Ambas partes buscan coordinar os esforzos entre a europea 5G Infraestructure Association (formada por compañías como Alcatel-Lucent, Atos, Deutsche Telekom, Ericsson, Nokia, Orange, Telecom Italia, Telenor e Telefónica) e o 5G Forum surcoreano, para ter propostas de investigación en 2016, sentando así as bases dunha tecnoloxía que agardan que chegue ao mercado a partir do ano 2.020.
A vicepresidenta da Comisión Europea, Neelie Kroes, asegurou que “o 5G converterase na sabia nova da sociedade e a economía dixitais unha vez que se estableza. Tanto Europa coma Corea do Sur recoñecen isto. É a primeira ver que autoridades públicas se xunta deste xeito, co apoio da industria privada, para dar un pulo ao proceso de estandarización”, o que considera que é un bo signo dos compromisos de ambas partes para liderar o mercado dixital global.
Espérase que a tecnoloxía 5G non só achegue grandes velocidades de acceso á Rede comparables ás que hoxe podemos ver en redes de fibra óptica, senón que tamén supoña un grande cambio de cara aos dispositivos que estarán conectados, en sintonía co que dan en chamar a Internet das cousas¸ abrindo moitas posibilidades a numerosos ámbitos.
Pero aínda que agora se fale do avance do 5G en chave europea e global, dende a Universidade de Vigo tamén apuntan que dende a nosa terra estase a contribuír a esta tecnoloxía de futuro, concretamente dende o Grupo de Tecnoloxías da Información, integrado en AtlanTIC, que vén de ser elixido para organizar un obradoiro sobre redes sen fíos cooperativas durante a décima edición do congreso internacional WiMob2014, que terá lugar entre os días 8 e 10 de outubro en Larnaca (Chipre).

Os profesores da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e investigadores de AtlantTIC Juan Carlos Burguillo, Felipe Gil, Cristina López e Francisco Javier González Castaño

PUBLICIDADE