Etsy factura 895,1 millóns de dólares en 2012

martes, 29 de xaneiro do 2013 Marcus Fernández

Os produtos feitos a man están a atopar na Rede un xeito de comercialización de grande éxito, grazas a facilitar a conexión entre os artesáns e os consumidores de todo o mundo, polo que un produto que poderiamos considerar de nicho pode atopar o seu público dun xeito relativamente doado como están a demostrar dende Etsy, mercado en liña que leva máis de 7 anos operando e que durante 2012 conseguiu medrar un 70,3% ata chegar a unha facturación total de 895,1 millóns de dólares, deixando claro que a artesanía pode atopar o seu lugar na Internet, de xeito que o tradicional e o máis tecnolóxico, lonxe de entrar en conflito, casan á perfección.
Boa parte do éxito de Etsy é que as vendas son moi persoais, de xeito que non se trata dunha fría tenda en liña, senón que as persoas que elaboran os seus produtos os que as venden, resultando a categoría líder a da xoiería, aínda que pouco a pouco outros produtos como a roupa e o fogar van collendo forza, aínda que tamén pode sorprender o feito de que os mobles conseguisen ser a categoría de maior crecemento en 2012 (cun incremento do 134%).
Etsy está dispoñible en inglés, alemán, francés, holandés, italiano e español, traducións que realizaron grazas á contribución dos seus usuarios (tendencia cada vez máis habitual na Rede), aínda que a meirande parte das compras continúa centrándose nos EE.UU., país seguido por Canadá e Australia. A distribución xeográfica de vendas e compras é moi semellante, agás polo feito de que no sur de Asia hai unha clara inclinación da balanza cara a produción en vez da compra.

PUBLICIDADE