Estudantes do IES de Brión chegan á final do prestixioso concurso Wisibilízalas
mércores, 1 de febreiro do 2017
Os nosos centros educativos seguen sumando éxitos
en materia de innovación, enxeños e tecnoloxías. Se
hoxe a primeira hora falabamos do recoñecemento obtivo polo CEIP
Laredo (da man da Fundación El Bulli e a Fundación Telefónica),
agora é a quenda de salientar os importantes logros obtidos polo IES
de Brión, cuxa
equipa Brión
2 resultou finalista no concurso
Wisibilízalas
da Universitat Pompeu-Fabra, xunto con
outros tres equipos de colexios e institutos de todo o ámbito
estatal. O certame, como o seu propio nome indica, foi convocado co
obxectivo de “dar visibilidade ás
mulleres que traballan no ámbito das TIC e potenciar as referencias
femininas no ámbito da ciencia e da tecnoloxía”. O
Concello de Brión xa
felicitou aos alumnos do IES que conseguiron chegar á final do
concurso, cuxa resolución coñecerase o domingo 11 de febreiro na
Universitat Pompeu Fabra.
O concurso, máis polo
miúdo, consistía na creación dunha
páxina web que describise
a carreira de mulleres españolas contemporáneas que traballen no
ámbito das novas
tecnoloxías da información. O equipo
brionés, composto por alumnado de TIC
de primeiro curso de Bacharelato e de
Educación Plástica, Visual e Audiovisual de cuarto da ESO, achegou
dúas propostas: Mulleres tecnolóxicas
e Mulleres TIC.
A representante do
Concello encargada de felicitar aos estudantes foi a concelleira de
Ensino, Yolanda Bouzas, quen tamén parabenizou ao profesorado do IES
de Brión, “e non só por este este
meritorio premio a nivel nacional, senón pola traxectoria que levan
nos últimos meses acadando múltiples galardóns que demostran o
gran nivel educativo que ten o noso instituto”. Ao
fío disto, lembrou que hai
uns días outros alumnos de segundo
de Bacharelato foi premiado no concurso Na
procura do talento dixital, organizado
por Dico Summit 2017.
Mulleres
tecnolóxicas é un proxecto
colaborativo que busca coñecer e divulgar a mulleres contemporáneas
españolas que son un referente nas TIC: Arantza Illarramendi Echave,
Amparo Alonso Betanzos, Asunción Gómez Pérez, Lucía Chávarri
Padilla, Marta Ibáñez Nobell e Nuria Oliver.
Pola súa banda, Mulleres
TIC recolle as figuras de Belén
Masía, Begoña García, Rosa Monge, Sabela Ramos e Clara Bayarri.
Segundo nos lembra o Concello de Brión, ámbalas
páxinas son o produto dun proxecto
interdisciplinar con alumnado de diferentes niveis que “pretende
visualizar ás
mulleres nas TIC”, enmarcado no programa Rapazas
emprendedoras nas TIC do Plan Proxecta.
Canda o
IES de Brión, tamén foron seleccionados como finalistas os equipos
Alceda people, do IES Vega de Torzanzo (Alceda -
Cantabria); Wisibigors, do IES Gorgs (Cerdanyola del Vallés –
Barcelona); e MaristasAlicante2, do Sagrado Corazón HH.
Maristas (Alacante). O vindeiro 11 de febreiro, coincidindo coa
conmemoración do Día da Muller e da Nena na Ciencia, terá lugar a
entrega de premios na Universitat Pompeu Fabra de Barcelona.