Estudantes do Campus de Pontevedra traballarán para optimizar o uso das redes sociais en Atresmedia

venres, 13 de febreiro do 2015 Redacción

O grupo audiovisual Atresmedia quere sacarlle punta á súa comunicación nas redes sociais. Para logralo, contará coas propostas de estudantes de varios centros académicos do ámbito estatal, incluído un grupo de seis alumnos e alumnas da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do Campus de Pontevedra, baixo a coordinación do profesor Alberto Dafonte, no marco do Proxecto Mañá do devandito grupo audiovisual. Con esta iniciativa, a compañía busca coñecer de primeira man o que faría a xente nova “se estiveran no lugar dos responsábeis do grupo”. Esta é a mensaxe que vén de lanzar o presidente de Atresmedia Cine, Mikel Lejarza, que este xoves xuntouse cos participantes galegos de Proxecto Mañá. Nela hai estudantes de varias universidades estatais, e a partir da convocatoria actual (e en virtude do convenio asinado entre Lejarza e o reitor da UVigo Salustiano Mato), tamén dunha universidade galega.
Segundo fixo saber a decana do centro, Emma Torres, foi o propio grupo audiovisual o que seleccionou á facultade para tomar parte na quinta edición deste proxecto docente de innovación, ao que tamén concorren as universidades de Málaga e Navarra, a Pompeu Fabra de Barcelona e a Juan Carlos I de Madrid.
As alumnas de Publicidade e Relacións Públicas Jennifer Álvarez, Susana Basoa e Zoe Calvo e os estudantes de Comunicación Audiovisual Sara Varela, Miguel Grandío e Bernabé Carrillo integran o equipo que, co apoio dos profesores Alberto Dafonte, Silvia García Mirón e Xabier Rolán, representará á Universidade neste Proyecto Mañana. Segundo informa a UVigo, ao igual que ao resto de participantes, corresponderalles analizar a comunicación que a través das redes sociais realizan un programa de televisión e outro de radio do grupo para, a partires de aí, deseñar un proxecto que a finais de xuño ou comezos de xullo presentarán diante do equipo directivo do grupo na súa sede central, en San Sebastián de los Reyes. No seu caso, corresponderalles estudar El Intermedio, de La Sexta, e Radioestadio, de Onda Cero, que lles servirán como casos concretos cos que afondar no impacto das redes sociais na difusión dos contidos audiovisuais. Segundo se recolle no convenio asinado, o grupo premiará aos dous equipos que presenten os proxectos que consideren máis innovadores con cinco bolsas trimestrais para realizar practicas na súa área multimedia.

PUBLICIDADE