Estudantes do Campus Terra crean unha plataforma para reivindicar e visualizar a cultura do rural

mércores, 10 de xaneiro do 2024 S. P.

Un grupo de estudantes do Campus Terra (Campus de Lugo) da Universidade de Santiago veñen de mobilizar recursos e coñecementos tecnolóxicos para revitalizar o medio rural e dar a coñecer a súa oferta de lecer, cultural e divulgadora. Fixérono a través da nova plataforma GA-LINK, premiada na terceira edición do Terra Creative Jam, evento de xeración de ideas promovido polo Campus xunto coa Área de Valoración, Transferencia e Emprendemento (AVTE) da USC en colaboración coa incubadora Lug Open Factory. Trátase, sinala a USC, dunha iniciativa para contrarrestar a deslocalización e o descoñecemento que existe sobre a actividade do noso rural.
A idea impulsada nun inicio por cinco estudantes do Campus Terra, pero á que na actualidade dan continuidade tres estudantes do grao en Robótica na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo pretende “dar a coñecer dunha maneira directa todas as actividades, produtos e todas as experiencias que ofrecen os pequenos pobos de Galicia”.
GA-LINK xurde en resposta, cando menos en parte, ás necesidades advertidas por Juan Hernández, Gabriel Barrigón e Abel Belhaki, tres estudantes procedentes de Albacete, Cáceres e Murcia, respectivamente, que na súa estadía en Lugo botan en falta a dispoñibilidade dunha axenda en tempo real que “permita que calquera poida consultar desde o seu móbil que é o que está a suceder ao seu ao redor”, sinalan, poñendo o foco noutra das vantaxes da tecnoloxía desenvolvida: ofrecer a pequenos concellos, aldeas e empresas unha plataforma aberta para darse e a coñecer e atopar so seu sitio no mapa.
A plataforma parte dunha interface “moi simple e intuitiva” na que calquera usuario pode consultar todos eses eventos, festas e atractivos que pode atopar preto da súa localización. Trátase, explican, “dunha sorte de mapa colectivo no que profundar nas paixóns e afeccións individuais, relatan estes universitarios”.
Os promotores de GA-LINK entenden que o carácter aberto, transparente e colectivo desta plataforma pode representar un revulsivo para o rural, pois “estamos diante dunha ferramenta tecnolóxica que ten capacidade para conectar á comunidade local con turistas potenciais, aos que ofrece unha visión completa da oferta existente, o que pode contribuír ao desenvolvemento sustentábel e ao medre do turismo rural na comunidade”.
Os tres estudantes que lideran o proxecto GA-LINK sosteñen que, a curto prazo, o futuro da plataforma é acabar o MVP (siglas en inglés de produto mínimo viábel). A partir de aí, confían en presentar a proposta a investidores, pero tamén ao Goberno galego. Con esas bazas debaixo do brazo, estes estudantes do Campus Terra da USC pasarían a potenciar a capacidade da plataforma ampliando o catálogo de pobos, eventos e lugares incluídos en GA-LINK. A longo prazo, entre os seus desexos está chegar a todas as comunidades españolas e, no horizonte final, mesmo ao estranxeiro.

PUBLICIDADE