Estudantes de Psicopedagoxía deseñan blogs de orientación para o alumnado da ESO

xoves, 17 de xuño do 2010 Raquel Noya

Margarita Valcarce é unha profesora da Universidade de Vigo que un bo día decidiu aplicar as novas tecnoloxías ao ensino e mellorar as súas clases de Orientación Profesional, materia que imparte no 5º curso de Psicopedagoxía da Facultade de Ciencias da Educación en Ourense; porén non se limitou a levar as TIC á aula senón que foi máis alá e propúxose ensinarlle aos seus alumnos a botar man das ferramentas tecnolóxicas e Internet para mellorar as súas clases o día de mañá, cando se convirtan en futuros formadores. A experiencia resultante foi, para os seus alumnos e alumnas, “innovadora, gratificante e moi positiva” posto que a docente animounos a deseñar blogs con información de utilidade para o estudantado da ESO abordando deste xeito o proceso de orientación no ensino secundario prestando asesoramento e axuda na toma de decisións vocacionais.
En palabras de Valcarce, o resultado foi “moi positivo”, posto que en dúas clases prácticas (4 horas de traballo na aula) os preto de 60 alumnos da materia, divididos en grupos, foron quen de deseñar e elaborar 9 blogs que fican agora na Rede agardando ser de utilidade para todos aqueles alumnos e alumnas da ESO que precisen dunha orientación na súa traxectoria académica e profesional.
O primeiro paso do traballo foi abordar a parte teórica da materia para deseñar e estruturar despois o contido do blog, e trasladar a información resultante ao Blogger, unha ferramenta de publicación de blogs de balde. O resultado son os 9 blogs que se atopan xa na Internet con información que recolle, principalmente, temas de utilidade para o estudantado da ESO, como as saídas académicas e laborais ás que poden acceder ou orientación, guías e outros recursos web que lles poden ser de utilidade, en resumo, e segundo palabras de Valcarce, “toda a información necesaria para poder facer unha toma de decisións cualificada de cara ao seu futuro profesional”.
Entre os blogs que xurdiron desta iniciativa destacan Y yo que quiero ser, Todos Orienta2, Orientación Académica y Profesional, ou Orientación Profesional que lle ofrece á comunidade internauta a posibilidade de participar no seu contido e contribuír así á súa mellora.

PUBLICIDADE