Estudantes de Lugo participarán no certame tecnolóxico de Naturgy

xoves, 31 de xaneiro do 2019 Fernando Sarasketa

O IES A Pinguela de Lugo vai participar na primeira edición dun novo proxecto da Fundación Naturgy para promover as vocacións tecnolóxicas no ámbito da enerxía. Xunto co centro galego, terán parte activa catorce centros de secundaria de Aragón, Madrid, Canarias, Valencia e Castela e León. O I Certame Tecnolóxico Efigy diríxese a fomentar o espírito innovador entre a xente nova. O concurso, que ten o aval da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía ( FECYT), conta nesta primeira edición con 59 grupos de estudantes.
En termos máis detallados, o obxectivo da Fundación Naturgy é “espertar a vocación dos estudantes por temas enerxéticos, tecnolóxicos e ambientais, e promover unha educación en usos sustentábeis e responsábeis da enerxía”.
Durante o campionato, o alumnado e os titores contarán co asesoramento dos educadores especializados da Fundación Naturgy, así como con materiais educativos que facilitarán, en palabras da entidade, “a experimentación e o progreso das investigacións”. Todos os participantes de Efigy obterán un certificado e os gañadores coñeceranse o 8 de maio, cando os finalistas terán que defender os seus proxectos en público na xornada Efigy Challenge, o primeiro congreso tecnolóxico da fundación, que se celebra en Madrid.
Un xurado de expertos outorgará catro recoñecementos: un á proposta máis innovadora, outro á máis realizábel e outro á mellor comunicada, que recibirán cada un un premio por valor de 500€. O cuarto galardón distinguirá o centro educativo con maior implicación e apoio ao seu alumnado, e obterá un recoñecemento económico de 2.000€ para material educativo.

PUBLICIDADE