Estudantes da UVigo recibiron os premios da Cátedra MN polos seus proxectos innovadores

martes, 2 de novembro do 2021 S. P.

A Cátedra MN en Emprendemento Tecnolóxico (Universidade de Vigo) entregou este venres 29 de outubro os seus premios aos mellores traballos fin de grao e proxectos LPRO, galardóns relativos tanto ao curso 2020-2021 como ao curso previo. Son galardóns centrados en incentivar o desenvolvemento de proxectos tecnolóxicos de interese para a empresa MN e para empresas do eido da mercadotecnia dixital que poidan ser semente de futuros emprendementos empresariais. Segundo explicou a catedrática de Teoría do Sinal e Comunicacións e investigadora de AtlantTIC, Carmen García Mateo, a mellora da situación sanitaria permitiu a estes recoñecementos recuperar o formato presencial.

Premios 2019-2020

Os premios do curso 2019-2020 convocáronse tanto para os TFG como para os proxectos LPRO. Na primeira modalidade, o premio foi para Pablo Pazos, estudante de Enxeñaría Informática, por SSEC: Sistema de Seguimento de Enfermidades Crónicas, un sistema informático que ten como obxectivo o seguimento das doenzas por parte do paciente e do seu médico para poder ter información en calquera momento sobre a súa evolución e axudar á toma de decisións con maior eficacia e eficiencia. Así mesmo, o paciente conta cunha ferramenta onde pode consultar en todo momento, de maneira actualizada, información relativa ás súas citas médicas, tratamentos e medicación.
Ademais do primeiro premio, outorgáronse dous accésit a estudantes de Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación. O primeiro, para Raquel Román polo proxecto Detección de sincronización audiovisual utilizando Deep Learning, e o segundo accésit concedéuselle a Ismael Orge polo traballo Detección de peóns en plataformas de baixos recursos computacionais. Ademais da calidade técnica dos traballos, o xurado valorou especialmente o grao de utilidade e aplicabilidade das solucións desenvoltas nos TFG, así como o grao de implicación do alumnado no seu desempeño.
Tamén se entregou o premio ao Mellor Proxecto LPRO, que foi para BReAst: sujétate a la vida, desenvolvido polo alumnado da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación Silvia Abal, Angela Abreu, Candela Janeiro, Maria Purriños e Antón Soares. Trátase dun dispositivo de axuda á detección precoz do cancro de mama, grazas á toma de medidas do peito e á análise destas e que reflicte as conclusións obtidas nunha web. A paciente dispón dunha aplicación móbil coa que pode interactuar co especialista, recibir consellos e acceder a información formativa relevante. O xurado dos premios valorou especialmente “o coidado deseño do servizo tanto nos aspectos tecnolóxicos, como de ergonomía, privacidade da información das pacientes e a súa viabilidade”.

Premios 2020-2021

Na edición 2020/2021 premiouse o desenvolvemento de dous proxectos tecnolóxicos que foron mentorizados por MN e polo Centro Tecnolóxico Gradiant. Un deles foi e-Muse: axente intelixente para marketing dixital, realizado por Edward L. Campbell Hernández e José M. Ramírez Sánchez, unha iniciativa que axuda ás empresas galegas a contactar con potenciais clientes interesados nos seus servizos e produtos grazas a un axente dixital que contacta cos eles baseándose na comprensión da linguaxe natural de última xeración.
O outro proxecto premiado, FaceClock: Aplicación móbil de verificación biométrica para control de horario laboral realizado por Andrés Felipe Arias Cárdenas, desenvolve un sistema de control, xestión e programación a través da verificación facial pensado para o seu uso en empresas e que garante a identidade da persoa, e obtén o cómputo das horas totais, de forma semanal e a súa descarga nun ficheiro CSV.

O presente e o futuro do financiamento de startups tecnolóxicas

A xornada completouse con dúas mesas redondas con grandes expertos e promotores do campo do financiamento de startups. A primeira delas ofreceu un panorama actual sobre o ecosistema do financiamento das novas firmas innovadoras e contou coa participación de Telmo Pérez Luaces, de Acciona; Nicolás Maraver, de Queka Real Partners; Yago Montenegro, de Alma Mundi; José H. Cánovas, de MN e Mikel Diaz De Otazu, de Alice Biometrics. Na segunda, centrada no futuro, “uns cinco anos vista tendo en conta os tan anunciados fondos Next Generation", participaron Andrés Ubierna, de CDTI; Patricia Fernández Liz, de GAIN; Samuel Méndez, de Vigo Activo; Mariela Méndez, de Enisa; Inmaculada Rodríguez Cuervo, de Unirisco Galicia e Jaime Novoa, de K Fund.

PUBLICIDADE