Estudantes da Fonsagrada achegan un vídeo de homenaxe a Celso Emilio gravado cos seus móbiles

martes, 8 de maio do 2012 Fernando Sarasketa

Achégase o 17 de maio e conflúen no noso panorama cultural dúas celebracións que, lonxe de excluírse, compleméntanse á perfección. Por unha banda as conmemoracións arredor da figura homenaxeada nas Letras Galegas, Valentín Paz Andrade, e, pola outra, as de Celso Emilio Ferreiro, que este ano 2012 tería celebrado os seus cen anos de vida. As accións vinculadas a Celso Emilio, moitas e variadas (a exposición interactiva, o concurso de fotografía no móbil), seguen adiante. A máis recente é a desenvolvida por un centro escolar de gran experiencia no uso das redes a prol da nosa cultura: o IES Fontem Albei de Fonsagrada.
Trátase dun vídeo, moi ben realizado, ao que se lle deu corpo a través do uso intensivo dunha ferramenta comunicativa e creativa que a rapazada do devandito IES coñece ben: o móbil. A obra, feita en colaboración co profesorado do centro, representa un achegamento da mocidade da Fonsagrada á obra do autor de Longa Noite de Pedra, na súa vertente de poeta e co gallo do centenario do seu nacemento. As obras recitadas foron extraídas dos volumes existentes na biblioteca escolar e o traballo, informan os seus responsábeis, ten como fío condutor un poema publicado na revista Vieiros, no seu número 2 (en 1965): Contribución ao plan de desenvolvemento económico. Na achega do alumnado da Fonsagrada vánselle engadido versos ceibos, segundo as escollas dos participantes na lectura colectiva.
Como dixemos, o IES Fontem Albei non é precisamente un centro acabado de chegar ao universo da comunicación e a creación ligada ás novas tecnoloxías. O centro, que conta cunha completa aula virtual dende a que se imparten todo tipo de materias (bioloxía, xeografía e historia, matemáticas, física e química, filosofía, tecnoloxía etc), foi entre outras cousas responsábel de A imaxinación ao poder, lipdub que veu da man do Grupo de Traballo da Biblioteca do devandito IES e que se inseriu no seu programa de Formación de Usuarios. Consistiu nun xeito de integrar as TIC no seu día a día e serviulles, contan, para “lograr a implicación da comunidade educativa nun proxecto común e fomentar a participación, e o bo ambiente, tan necesario, entre todos e todas”.

PUBLICIDADE