Estréase o proxecto Ultreia 3D, unha idea da Fundación Catedral para salvagardar á mesma

venres, 28 de marzo do 2014 Redacción

Presentábase esta mañá na sede da Fundación Catedral de Santiago a primeira fase de Ultreia 3D. Os Camiños a Santiago, un proxecto da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago de Estella e realizado por Julián Díaz, especialista no campo audiovisual aplicado á museografía. Trátase da realización dun libro en tres dimensións (para ver con lentes 3D) sobre o Camiño Francés de Santiago, desde Roncesvalles e Somport até Compostela.
O patrimonio histórico, artístico e paisaxístico constitúe o eixo central do proxecto, incluíndo o libro un texto en seis idiomas (castelán, francés, inglés, alemán, italiano e coreano) adaptado por Julián Díaz a partir dos traballos orixinais de Eusebio Goicoechea Arrondo, músico, musicólogo e especialista na temática do Camiño de Santiago. Cada exemplar (incluídas as lentes) véndese por 32 euros.
En canto á segunda fase do proxecto, consistirá nunha publicación monográfica centrada no Pórtico da Gloria. A idea chega baixo o nome de Proxecto Rosalía Europa 83. Con isto preténdese publicar un monográfico sobre o Pórtico da Gloria, a partir de fotografías en 3D, tendo como guía os versos en galego que Rosalía de Castro escribiu sobre o Pórtico (“Estarán vivos?, serán de pedra/ aqués sembrantes tan verdadeiros,/ aquelas túnicas marabillosas,/ aqueles ollos de vida cheos?” -Fragmento-). A proposta inclúe traducir e imprimir os versos ás 83 linguas de Europa.

O Castelo de Ponferrada en 3D

O volume básico do Pórtico da Gloria 3D inclúe o orixinal en galego, xunto co español, francés, alemán, inglés, italiano e polaco.
Cómpre salientar que esta proposta quérese levar adiante mediante a técnica de crowdfunding, de maneira que cada mecenas que realice unha achega de 19 euros, terá dereito a un exemplar e poderá propor un idioma adicional. A partir das 500 primeiras unidades reservadas (por cada 200 solicitudes novas), incorporarase ao volume impreso unha tradución, respectando a orde de preferencia dos mecenas. Así, o obxectivo máximo sería traducir e imprimir o poema de Rosalía ás 83 linguas de Europa. Engadir que o 10 % da achega recibida polo monográfico sobre o Pórtico da Gloria, será destinado pola Asociación de Amigos do Camiño de Estella a obras de restauración na Catedral de Santiago.
Por último, e se a campaña de crowdfunding finaliza con éxito, o seguinte obxectivo será continuar cos Camiños de Santiago desde Estonia até Portugal: 5.000 quilómetros de Camiños de Santiago.

PUBLICIDADE