Estonia debullará na Deputación da Coruña a súa transformación en referente dixital

luns, 5 de novembro do 2018 Fernando Sarasketa

Esta semana, o 7 de novembro, a Deputación da Coruña vai organizar unha xornada sobre economía dixital. A xuntanza, que se enmarca no ciclo Europa na provincia da Coruña, xirará arredor dos novos xeitos de producir que se asentan e se fan realidade grazas á sociedade conectada e intelixente. Contarase coa presenza de representantes das embaixadas de Estonia e Finlandia, da axencia AMTEGA e da Dirección Xeral de Rede de Comunicación, Contido e Tecnoloxía. O embaixador do devandito país báltico explicará na sede da entidade provincial o proceso que converteu este país na referencia dixital de Europa.
Segundo explicou o presidente da Deputación, Valentín González, “xuntaremos expertos de primeiro nivel que contarán as súas experiencias no desenvolvemento da economía dixital como oportunidade para o desenvolvemento socioeconómico do territorio”. O propio Valentín González será o encargado de inaugurar o encontro, xunto coa directora do centro Europe Direct, Amparo Taboada.
Pola súa banda, o embaixador de Estonia en España, Rasmus Lumi, e a representante da embaixada finlandesa en España, Anabella Polo, explicarán a experiencia de ambos os dous países, considerados líderes europeos en procesos de dixitalización tanto na administración pública como no sector privado.
Pola xornada pasarán tamén, achegando as súas experiencias, Xurxo Remuiñán, policy officer da Dirección Xeral de Redes de Comunicación, Contido e Tecnoloxía, que explicará as ferramentas de financiamento europeo no ámbito da economía dixital, e Carlos Vázquez Mariño, director de Solucións Tecnolóxicas de AMTEGA, que explicará o programa Primare para o aproveitamento da tecnoloxía na transformación do sector primario en Galicia.
O evento rematará cunha mesa redonda sobre boas prácticas no mercado dixital na que particparán representantes de empresas tecnolóxicas, turísticas e do sector primario, compartindo as súas experiencias nestes ámbitos.
A xornada, de balde, está aberta a representantes dos concellos e entidades locais, empresarios, emprendedores e asociacións da provincia da Coruña.
Para inscricións ou información complementaria, pódese contactar co correo electrónico europedirect@dacoruna.gal, ou ben, co número de teléfono 981 080 331.

PUBLICIDADE