Este venres 25 celébrase na Toxa a Noite das Telecomunicacións de Galicia

xoves, 24 de setembro do 2015 Fernando Sarasketa

Este mes de setembro, o día 25 de setembro, celébrase no Gran Hotel da Toxa a Noite das Telecomunicacións de Galicia (edición XX), unha velada organizada polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG e AETG) destinada a celebrar e reivindicar o papel das novas tecnoloxías (e dos profesionais galegos das novas tecnoloxías) no desenvolvemento económico e social da nosa terra. A cita dará acubillo á entrega oficial dos Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2015, uns galardóns cos que se quere visualizar o traballo ben feito en materia de impulso TIC, tanto no ámbito privado como no público. A gala será dirixida pola presentadora Silvia Jato e contará co complemento musical do grupo DGT. Ademais, contará coa presenza do presidente do Goberno Galego, Alberto Núñez Feijóo. O lema da cita: Un mundo conectado.
A velada comezará as 20.00 horas cunha sesión de traballo en rede, que se prolongará até o inicio da gala, en cuxo transcurso actuará o grupo musical DGT. Antes de comezar a cea, ás 22.45 horas, entregaranse os sete premios do Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia. Con estes galardóns, os seus promotores quixeron convocar, un ano máis, á totalidade dos profesionais, investigadores, empresas e entidades do ámbito TIC galego. Estes recoñecementos, en palabras do colexio e a asociación, constitúen “unha excelente plataforma para a promoción e proxección das empresas e profesionais galegos e para os produtos e servizos que se están a desenvolver no sector TIC na nosa terra”.
Por galardóns e obxectivos, lembrar que o Premio Gerardo García Campos á mellor iniciativa empresarial TIC, o Premio Gradiant á Mellor Tese Doutoral aplicada ao sector TIC e o Premio Ineo ao produto ou servizo TIC orientado ao Internet das cousas 2015, teñen por obxecto “potenciar o noso sector salientando aquelas empresas, desenvolvementos e investigacións aplicadas con maior posibilidade de crecemento e proxección”. Convocouse tamén o Premio ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais 2015, en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), destinado a recoñecer os mellores proxectos no ámbito das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) que contribúan e acheguen beneficios á sociedade. Engadir, a maiores, o Premio Acuntia para as nosas firmas máis envorcadas no desenvolvemento de equipamentos TIC intelixentes e os galardóns honoríficos Premio Socio de Honra e Premio Enxeñeiro do Ano.

O programa da gala

A gala discorrerá segundo o programa que figura a continuación:
19,45 h. Chegada dos patrocinadores. Traslado ao photocall onde posan para os redactores gráficos dos medios de comunicación.
19,55 h. Chegada dos galardoados. Traslado ao photocall onde posan para os redactores gráficos
dos medios de comunicación
20,00 h. Networking e cóctel de benvida no salón Aqua
21, 25 h. Chegada do presidente da Xunta de Galicia
21,30 h. Traslado da zona cóctel (Salón Aqua) a zona cea (Salón Principal). Foto de familia para os medios de comunicación do presidente da Xunta cos galardoados, patrocinadores, autoridades e xunta de goberno do Colexio e da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia
21,40 h. Comezo da gala
21.40 h. Presentación a cargo de Silvia Jato
21.44 h. Proxección do vídeo Un mundo conectado
21.47 h. Intervención do decano do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia.
22.00 h. Proxección dun vídeo sobre os galardoados.
22.07 h. Entrega de premios
22,20 h. Intervención do Enxeñeiro do Ano 2015
22, 23 h. Intervención do presidente da Xunta de Galicia
22, 34 h. Actuación do Grupo DGT
22,37 h. Foto dos galardoados coas autoridades, equipo directivo de Colexio e da Asociación de Enxeñeiros de Comunicación de Galicia e patrocinadores
22,45 h. Comezo da cea

Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2015

O Premio Gerardo García Campos á mellor iniciativa empresarial no sector TIC, outorgado polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, será para CO2 Smart Tech, S.A., pola súa contribución á creación de emprego, o seu espallamento internacional e a consolidación do seu volume de negocio en amplos mercados. Como lembraremos, CO2 Smart Tech ten sede en Oleiros e está especializada no desenvolvemento de sistemas avanzados de control e xestión enerxética en liña. Por exemplo a solución co2st-tem, unha ferramenta para o aforro e redución de custes que axuda ás nosas empresas a iniciarse no control e xestión de consumos de subministros de auga, electricidade e gas mediante unha software de balde dispoñíbel e operábel na nube.
O Premio Gradiant á mellor tese doutoral aplicada ao sector TIC 2015, outorgado polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, recaerá en Alberto Rico Alvariño por Cognitive and signal processing techniques for improved spectrum exploitation in wireless communications. Como lembraremos, a tese premiada expón técnicas que incrementan a eficiencia das redes sen fíos e aporta solucións ao problema de reutilización do espectro radioeléctrico, que ten un impacto fundamental no desenvolvemento socioeconómico. Unha mostra da súa aplicabilidade é que os resultados desenvolvidos foron licenciados para o uso da Axencia Espacial Europea nos seus proxectos e estándares.
O Premio Ineo ao produto ou servizo TEIC orientado á <Internet das Cousas, e outorgado polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, seralle concedido a Consultores Tecnológicos Industriales de Galicia polo proxecto Open Framework i3. V4.0, un sistema aberto para a extensión da automatización de procesos a partes do sistema produtivo industrial no que aínda non estaban implantados.
O Premio ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais outorgado polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, en colaboración coa AMTEGA, recaerá nas Aulas Interactivas para a estimulación cognitiva de alumnos coa síndrome de Down e/ou discapacidade intelectual de Down Galicia. O galardón recoñece o carácter innovador da idea, a súa viabilidade e aplicabilidade pragmática e a súa contribución ao acceso ás TIC e a inclusión dixital
O Premio Acuntia á empresa galega que aposta polo desenvolvemento de infraestruturas intelixentes de telecomunicacións, outorgado polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, concederáselle a RETEGAL, polo seu esforzo e dedicación “en pechar a fenda dixital na nosa comunidade”. Segundo fixo saber o xurado recentemente, “a compañía galardoada despregou unha infraestrutura tecnolóxica que ofrece unha ampla cobertura, malia a difícil orografía de Galicia, e permite prestar servizos que van dende a radio e televisión ata o sistema Tetra de comunicación para emerxencias”.
Polo que respecta ao Premio Socio de Honra 2015 da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, irá dar á Asociación PuntoGal pola súa contribución á visibilidade, na Rede, da lingua, a cultura e a identidade de Galicia. Como recordaremos, a entidade recoñecida polos enxeñeiros de Telecomunicación galegos foi a principal responsábel da consecución do noso dominio propio, o .gal, o gran identificador en liña da nosa lingua e cultura e dos seus cometidos (presentes e vindeiros) no progreso e a modernidade.
Por último, o Premio Enxeñeiro do Ano 2015 do Colexio Oficial e da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia recaerá en José María Pousada Carballo “pola súa contribución á difusión das Tecnoloxías da Información e a Comunicación en Galicia, primeiro como director da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo, e posteriormente como director do Centro Universitario de la Defensa, na Escola Naval Militar de Marín”. Lembrar que Pousada Carballo formou parte do Grupo de Tecnoloxías da Información da Universidade de Vigo, dende o que xurdiron proxectos o “sistema antimóbiles” deseñado en 1998 ou o prototipo, en 2002, dunha pulseira electrónica para o control dos maltratadores. Asemade, Pousada contribuíu naquela etapa a mudar a face das lonxas galegas, desenvolvendo as primeiras feituras do mando que se emprega actualmente nas poxas electrónicas.

PUBLICIDADE