Este mes de xullo chegan ao mercado español os computadores Chromebook

xoves, 23 de xuño do 2011 Fernando Sarasketa

Os computadores Chromebook, co sistema operativo Google Chrome, chegarán ao mercado español este mes de xullo da man dos fabricantes Samsung Electronics e Acer. Estes equipos, que segundo apuntan estas compañías están especialmente desenvolvidos para que todo se poida facer en liña, na nube (todo o que vimos facendo na Internet até o agora a nivel persoal ao que cómpre engadir o que se nos ocorra a nivel empresarial), foron concibidos “para revolucionar a ampliar a percepción que a xente da informática.
Os Chromebooks serie 5, así se chaman estes revolucionarios computadores que de xeito curioso xa van pola serie 5 malia non termos visto as series primeiras por ningures, sairán ao mercado en dúas versións. Por unha banda teremos un equipo con conexión a Internet sen fíos, a distribuír en España por Pixmania (dispoñible por 399 euros a partir do 22 de xullo), e pola outra haberá unha segunda liña de produto que virá da man de Movistar e que inclúe tecnoloxía 3G móbil.
Os equipos, que teñen unha pantalla miúda de 12,1 polgadas e un peso de pouco menos de un quilo e medio, marcarán diferenzas cos computadores de pequeno tamaño que temos agora no mercado (informa Samsung), moi poucos deles con capacidade de abondo para tirarlle o máximo partido á Rede. Unha das súas vantaxes semella radicar na seguridade que ofrece, xa que de facermos caso ao que nos conta nas empresas que o presentan, o computador en cuestión non precisa de anvitirus. O sistema de protección que achega baséase ao parecer nunha chea de capas de seguridade, con gaiolas, que en carta maneira recordan á disposición dos cascos dos barcos, con compartimentos que en caso de fenda impiden que a auga chegue aos restantes. Tamén cómpre salientar que a súa memoria non está onde se supón que debería estar: no ordenador mesmo. De feito, a gran novidade que achega o sistema operativo de Google é que está en liña, na nube, nun centro de información externo que impide que se perdan os nosos arquivos.

PUBLICIDADE