Este mes comeza na Coruña a presentación telemática de escritos e demandas a través de Lexnet

martes, 11 de novembro do 2014 Redacción

A Xunta vai pór en marcha a finais deste mes o programa Lexnet na provincia da Coruña para a presentación de demandas e escritos de xeito electrónico, grazas á cal avogados e procuradores poderán presentar demandas de maneira telemática ou incorporar documentación a un procedemento en marcha, segundo explicou hoxe no Tribunal Superior de Xustiza o director xeral de Xustiza, acompañado por Juan José Martín, o presidente do TSXG, Miguel Ángel Cadenas, e o maxistrado Manuel Almenar.
O director xeral explicou que esta nova funcionalidade xa está en marcha nos órganos xudiciais da provincia de Pontevedra e implantarase de xeito progresivo en Ourense e Lugo, de xeito que Galicia convértese nunha das primeiras comunidades en activar este novo servizo do sistema Lexnet, dentro das actuacións definidas no Plan Senda para a integración das TIC na Xustiza, que está a desenvolver a Xunta de Galicia.
O sistema de comunicacións Lexnet permitía ata agora a Administración de Xustiza remitir notificacións electrónicas aos axentes xudiciais. Coa activación desta nova funcionalidade os profesionais do eido xudicial poderán presentar tamén demandas e escritos de mero trámite nos xulgados, é dicir, incorporar documentación a un procedemento en marcha.
Esta medida contribúe a eliminación de papel nos trámites administrativos, á redución de tempos de procedemento, facilita a integración directa cos sistemas de xestión procesual e mellora da calidade da información. Todo isto nun contexto dixital con todas as garantías xurídicas.

PUBLICIDADE