Este mércores comeza a súa andaina oficial o Centro Yuzz Santiago

martes, 17 de marzo do 2015 Redacción

O Edificio Emprendia da Universidade de Santiago acollerá a partir deste mércores 18 un Centro Yuzz, un espazo de traballo, formación gratuíta e asesoramento personalizado aos mozos e mozas seleccionados polo programa Yuzz Jóvenes con ideas que impulsa o Centro Internacional Santander Emprendemento (CISE) coa colaboración da Xunta de Galicia e a rede universitaria RedEmprendia, e o mecenado de Banco Santander. O novo centro inaugurarase este mércores 18 ás 17.00 horas coa presenza do reitor Juan Viaño e a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato.
No acto tamén participarán o presidente de RedEmprendia, Senén Barro; o delegado territorial de Banco Santander, Pablo Berdiel; e a presidenta da Delegación de Secot da Coruña, unha das empresas que apoian o proxecto, Áurea López. Intervirá ademais Victor Rivas Asorey, un dos mozos seleccionados polo programa o pasado ano co seu proxecto E-Monte.
Segundo informa a Universidade de Santiago, unha vez rematado o proceso de formación e asesoramento nestes centros (máis de 40 en toda España), os mellores de cada un deles viaxarán a Silicon Valley, en palabras da USC “a meca mundial de innovación no ámbito das novas tecnoloxías”, onde se lles brindará acceso a foros de financiamento, asesoramento e contacto con investidores. Ademais, os tres mellores proxectos de todo o país recibirán unha dotación económica para axudarlles a poñer en marcha o seu negocio: 30.000 € para o primeiro premio, 20.000 € para o segundo e 10.000 € para o terceiro.

PUBLICIDADE