Este mércores celébrase no Centro Demostrador unha xornada sobre ferramentas TIC galegas para o noso sector pesqueiro

luns, 19 de decembro do 2011 Fernando Sarasketa

Se un dos piares da nosa economía segue a ser pesca, que mellor que nós mesmos para pór en xogo a tecnoloxía e o coñecemento que axude a unha pesca máis rendíbel, eficaz, sustentábel, competitiva e respectuosa co medio? Este é o alicerce da xornada Solucións para a modernización da industria transformadora de produtos de pesca, que se celebra este mércores 21 de decembro no Centro Demostrador TIC de Santiago. A xuntanza, como o seu propio nome indica, consistirá en botar luz, con exemplos prácticos, sobre diversas ferramentas con potencial de abondo para optimizar as actividades da nosa industria pesqueira, sobre todo as ligadas á promoción, distribución e busca de novos mercados.
O evento, que se desenvolve de 10.00 a 14.00 horas, servirá pois para afondar en servizos TIC como unha solución para o control do proceso de trazabilidade e outros procesos da cadea de valor, baseada en tecnoloxía RFID; unha aplicación para a automatización nos procesos de clasificación e primeira venda dos produtos pesqueiros; unha solución que permite a descarga automática de temperaturas nos colectores marítimos refrixerados e outra baseada na interpretación de comandos de voz dun usuario nun ámbito loxístico. As empresas encargadas de presentar estas solucións son CTI (dende Vigo), Level Telecom (dende Milladoiro, Ames), Saec-Data (dende Vigo) e Warnier (dende Betanzos). Ademais, Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas foi invitada á xornada como caso de éxito para que conte a súa experiencia. Segundo informa o Centro Demostrador, a xornada encamíñase a establecer diálogo directo cos profesionais e persoal técnico, xerentes e directivos das empresas da nosa comunidade, sobre todo do sector da transformación de produtos de pesca.
A asistencia é de balde, condicionada ao aforo do local e previa inscrición en liña a través do portal web do Centro Demostrador TIC.

PUBLICIDADE