Este martes abre as portas o centro de eSaúde de Gradiant e Everis

luns, 1 de xuño do 2015 Redacción

David Vázquez Cortizo, director xeral de Gradiant

A unidade mixta de transferencia e colaboración tecnolóxica creada polo centro Gradiant e a empresa Everis vai amosar esta semana o miolo da súa actividade. Será a través dunha visita guiada nas novas instalacións do centro de eSaúde Joint Knowledge Centre, prevista para este martes 2 de xuño a partir das 11.00 horas. Tanto a unidade mixta como o a súa sede física (que coa visita guiada formaliza a súa apertura oficial de portas) contaron coa colaboración da Fundación Ramón Domínguez e a Universidade de Vigo. O seu obxectivo é a promoción e o desenvolvemento de proxectos TIC aplicados ao sector da saúde.
Segundo fan saber os responsábeis do Joint Knowledge Centre con motivo da cita de mañá e do que vai representar este novo espazo de innovación, “a posta en marcha deste centro simboliza a aposta tanto de Everis como de Gradiant por un modelo de colaboración entre entidades que fixo posíbel a creación dun centro TIC sen ánimo de lucro que será fonte de xeración de coñecemento, de desenvolvemento de liñas I+D+i e de transferencia tecnolóxica no ámbito da atención sociosanitaria”. A visita guiada, como dixemos, comezará as 11.00 horas nas instalacións do novo centro galego de eSaúde, emprazado no Hospital Gil Casares de Santiago de Compostela. Intervirán, ao longo da mañá, Sergi Biosca, socio responsábel de Sector Público e Health de Everis Europa, David Vázquez Cortizo, director xeral de Gradiant, Francisco Conde, conselleiro de Economía e Rocio Mosquera, conselleira de Sanidade.
Volvendo á unidade mixta impulsada por Gradiant e Everis, sinalar que foi dada a coñecer en 2014 e que implica un investimento conxunto de máis de dous millóns de euros. O obxectivo: fomentar a innovación sanitaria e xerar solucións para o sector da saúde na nosa terra, solucións baseadas nas TIC. Segundo informou daquela Gradiant, o proxecto foi seleccionado pola Axencia Galega de Innovación en réxime de concorrencia competitiva no marco de Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento 2011-2015 (Plan I2C). En concreto, o Goberno galego colabora neste proxecto cun investimento de máis de 640.000 euros.
Gradiant salientou en 2014, con motivo da presentación do proxecto, que un dos puntos fortes desta unidade mixta de investigación é que “abrangue a creación de emprego estábel e de calidade para profesionais de alta cualificación no sector sanitario das TIC por parte de ambas as organizacións”. O centro tecnolóxico tamén destacou que “favorecerá o desprazamento de enxeñeiros e técnicos especializados a Galicia”, e, igualmente, impulsará a “participación de empresas e centros de investigación de Galicia en proxectos tecnolóxicos para a saúde, cambio demográfico e benestar, dentro a estratexia europea de I+D+i (Horizonte 2020)”.

PUBLICIDADE