Este ano entrarán en funcionamento os dominios .blog

xoves, 12 de maio do 2016 Marcus Fernández

Ao igual que no seu día vivimos con emoción a conta atrás para a chegada dos dominios .gal, a creación de dominios de primeiro nivel aínda non cesou, e os responsables de Automattic, compañía detrás de WordPress.com, fixéronse co dominio .blog, que está actualmente na recta final para a súa activación, de aí que se lanzasen a anuncialo, abrindo incluso un formulario para que os interesados en facerse cun destes dominios poidan indicar o seu interese e así recibir información actualizada sobre os prazos de rexistro.
O funcionamento do dominio .blog será como o de calquera outro novo dominio de primeiro nivel, de xeito que antes da súa apertura xeral deberá pasar por procesos anticipados para a protección de marcas e outras precaucións que faciliten un funcionamento ordenado que evite a especulación con nomes de dominio. Así, está previsto que no mes de agosto se celebre o período de Sunrise (para que os propietarios de marcas poidan optar ao rexistro dos seus dominios de xeito preventivo), en outubro chegará o Landrush (período no que poderán realizarse rexistros dentro dunhas series de condicións indicadas) e finalmente no mes de novembro podería abrirse ao público o rexistro de dominios .blog por orde de chegada, de xeito que este será o ano no que se activarán os dominios con este sufixo que poderán asociarse ao servizo de hospedaxe de WordPress (a opción máis atractiva) ou empregarse dun xeito independente).
Quedan por concretarse os prazos definitivos, a que polo momento son todo previsións e, de feito, en canto o dominio de primeiro nivel pase ao control de Automattic, a páxina informativa sobre o novo dominio estará dispoñible baixo o enderezo get.blog. Tamén faltan por concretarse os prezos finais, pero xa anticipan que haberá algúns prezos premium para nomes de dominio especialmente atractivos.
Está claro que os blogs poden hospedarse baixo calquera tipo de nome de dominio, pero o feito de que a compañía detrás do xestor de contidos máis popular do mercado ofreza dominios .blog pode incentivar claramente o seu uso, e podería converterse nun dos novos dominios de Internet máis populares, sempre que os seus prezos sexan asumibles, xa que confíase en que a súa administración sexa extraordinariamente sinxela para os editores de blogs.

PUBLICIDADE