Este Nadal será un dos máis ameazados pola chegada masiva de spam

martes, 28 de novembro do 2006 Raquel Noya

Aparte de agasallos, turrón, excesos, festa, polvoróns, panxoliñas e tódolos termos inimaxinables relacionados co Nadal, este ano (máis que nunca) haberá que engadir tamén spam e comercio electrónico á listaxe de palabras máis usadas pois, non en van, estas datas son as de máis compras a través da Rede e, en xeral, cando máis se merca de xeito compulsivo e sen tino.
Directamente vinculado ó comercio electrónico, o correo lixo ou spam multiplícase tódolos anos coa chegada das vacacións, pero os expertos informáticos advirten de que esta podería ser a tempada máis abondosa e longa de spam rexistrada até o momento.
Ó tempo que os comerciantes tradicionais abastecen as súas tendas con decoracións para as festas e ofertas propias para este tempo, os propagadores de correo lixo ou spammers, arremeten contra as caixas de correo dos internautas con falsas promesas axustadas ó espírito do Nadal.
Segundo advirten as compañías dedicadas á comercialización de software antispam, o número de mensaxes lixo enviadas en decembro podería ser superior ós 78.000 millóns ó día, practicamente o dobre que o pasado ano; e é que este andazo non fai máis que espallarse, xa que tal e como proban os datos facilitados por Iron Port Systems, en outubro xa se enviou unha media d 63.000 millóns de mensaxes lixo diarios.
É dicir: case que o 90% de todo o correo electrónico que se puxo en circulación nese mes non foi solicitado, porcentaxe que aumentará a medida que se vaia pechando o ano.
Aínda que xa se probaron múltiples métodos para frear este fenómeno, os spammers empregan cada día mellores técnicas para facerse con este medio e, a día de hoxe, é unha das meirandes ameazas para os PCs, causándolles moitos problemas e crebadeiros de cabeza ós internautas.

PUBLICIDADE