Están a adaptar o Sugar UI para os Classmate PC

venres, 20 de xuño do 2008 Marcus Fernández

Un dos elementos que gozaba de máis partidarios dos portátiles XO-1 do proxecto OLPC era o sistema operativo que incluían por defecto, que non só era un Linux, senón que tiña unha interface de usuario coñecida coma Sugar, que parecía moi axeitada para o seu uso por cativos. Con iso en mente, Walter Bender podería adaptar o seu desenvolvemento aos Classmate PC de Intel, ou sexa, os que se denominaban os principais competidores do proxecto de Nicholas Negroponte.
Bender asegura que «unha comunidade de voluntarios está a traballar con Intel para adaptar o Sugar para os Classmate PC» no que parece unha consecuencia da achega de Windows XP aos portátiles XO-1, aínda que hai que recoñecer que a ampliación de equipos soportados polo Sugar UI podería supor un importante pulo para esta plataforma de grande interese para contornos educativos.

PUBLICIDADE