Especialistas en empresariado dixital acudirán a Compostela o día 22 para facer novos adeptos

mércores, 15 de abril do 2009 Fernando Sarasketa

O mercado era máis amplo do que imaxinabamos: coa Rede non ten límiites. Isto que pode parecer obvio polo innecesario, revélase como un detalle fundamental de medre para calquera empresa da actividade que sexa: dende a máis directamente vinculada ao dixital até a inserida nos eidos que nos libros de xeografía e historia sempre se meteu na saca común do sector primario. Con este valor de incremento da produtividade que pode achegar a Internet pasa como con outras moitas cousas: non se sabe até que se ten. De aí que dende hai tempo entidades de todo tipo se teñan proposto informar polo miúdo do que corre risco de ficar en segundo plano: este labor construtivo e competitivo da Rede. Un exemplo disto é o programa de actividades informativas da Cámara de Comercio de Santiago, entre as que se contan unhas xornadas sobre as vantaxes de facer mercado no dixital promovidas en colaboración con Camepyme. As xuntanzas, presentadas baixo o lema Plantexamento da empresa tradicional en Internet (aquí, en pdf), contarán coa presenza dun bo número de especialistas no eido dixital e máis concretamente en experiencias concretas de éxito na Sociedade da Información para empresas de toda índole e tamaño. Ese será precisamente o cometido do grupo de expertos reunidos en Santiago o mércores 22 de abril: dar conta polo miúdo perante as firmas da cidade das vantaxes múltiples de estar na Rede.
A xuntanza, que se desenvolverá a partir das 9.30 horas na sede da Cámara, incluirá un amplo abano de temas tecnolóxicos e informáticos a tratar. Así, a mañá dará acubillo a pormenorizados debates sobre os beneficios de ter unha páxina web propia e de levar a cabo unha actividade de promoción en liña. Asemade, está previsto tocar a fondo temas como a tramitación ou sinatura electrónica, o posicionamento en buscadores ou as vantaxes de pór en marcha unha iniciativa comercial en Google.

PUBLICIDADE